Lara Méndez asegura que é falso que lle pedise a unha muller que non denunciase a Tomé
A secretaria de Organización do PSdeG anuncia que interporá unha querela por inxurias contra o diario ABC, que este venres publica unha información nese sentido
O PSOE asegura que foi o luns cando recibiu a denuncia de acoso sobre José Tomé, insiste en pedirlle que entregue as actas e anuncia a creación dunha xestora no partido en Lugo
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, asegura que nunca solicitou a ningunha vítima que non denunciase a José Tomé. Méndez sae ao paso das informacións publicadas polo xornal ABC e anuncia que interporá unha querela por inxurias contra o diario.
Asegura Lara Méndez que as afirmacións do diario son de "extrema gravidade". "A publicación non é periodismo, é unha acusación gravísima e construída desde a insinuación e a ausencia absoluta de contrastes", di nun comunicado emitido polo PSdeG.
"Lara Méndez anuncia que se defenderá con todos os instrumentos que ofrece o Estado de dereito. Non só polo seu bo nome, senón tamén por respecto ás verdadeiras vítimas, ás que non se pode utilizar nin revitimizar para alimentar campañas de descrédito", continúa. “Non todo vale, eu xa o vivín. E menos cando se xoga coa dignidade das persoas”, conclúe.
O PSOE asegura que foi o luns cando recibiu a denuncia
O Partido Socialista, pola súa parte, asegura que non foi ata "este luns á tarde que recibiu a denuncia e as diversas testemuñas sobre este caso", e que ese mesmo día "se iniciou o trámite de análise e contraste".
Nunha nota de prensa, en coordinación coa dirección do PSdeG, asegura que "o expediente seguirá o seu curso ata concluír co informe de conclusións" e que "a suspensión de militancia, aínda que sexa cautelar, non supón o fin do procedemento".
"O Partido Socialista non minimiza a gravidade do acoso, e non protexerá xamais a quen o practique", aseguran ao tempo que "respecta a presunción de inocencia e os protocolos establecidos".
Insisten desde o PSOE en esixir que José Tomé "entregue as súas actas tanto como deputado por Lugo, como de alcalde de Monforte de Lemos", e avanzan en que admite a petición do PSdeG para nomear unha Comisión Xestora na provincia de Lugo.