Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro dille a Rueda que carece de proxecto: "É imposible xestionar sen unha visión de conxunto"

Besteiro dille a Rueda que carece de proxecto: "É imposible xestionar sen unha visión de conxunto"

O líder dos socialistas instou ao presidente da Xunta a poñer en marcha o "bono" que lle falta, o "bono goberno" 

Afeoulle que "non fose capaz de planificar" un parque público de vivendas e reprochoullle tamén as listas de espera na sanidade e a situación da Atención Primaria

Rueda responde: "Sexa valente e recoñeza que os galegos pagan a metade das rebaixas fiscais que propón Sánchez"

Besteiro, na súa primeira intervención que se prolongou durante 45 minutos. EFE/Lavandeira jr
G24.gal 08/04/2026 18:10 Última actualización 08/04/2026 20:21

O secretario xeral do PSdeG criticou a falta de planificación do actual goberno da Xunta encabezado por Alfonso Rueda e afeoulle que limite as súas políticas á creación de bonos e axudas baixo a marca "Galicia caridade". Con esta adaptación do slogan turístico 'Galicia Calidade', resumiu Gómez Besteiro o seu diagnóstico do labor da administración autonómica na súa primeira intervención de réplica a Rueda no debate anual de política xeral.

O dirixente socialista reprochoulle ao presidente galego que viva da "inercia" de políticas xa postas en marcha e da acción doutras institucións, como os concellos ou o Goberno central; mentres é incapaz, dixo, de planificar, executar e supervisar medidas para cumprir coas súas propias responsabilidades.

No seu discurso, que se prolongou durante tres cuartos de hora, o secretario xeral do PSdeG instou a Rueda a asumir de forma clara o 'Non á guerra'. Besteiro desdeñou o plan anunciado pola Xunta para paliar os efectos das guerras en Oriente Medio e criticou que se presenten como novidades "investimentos que xa estaban previstos".

Así pois, incidiu unha e outra vez na falta de planificación do Goberno galego en múltiples ámbitos, desde a vivenda á sanidade, a educación ou a política social; eixos centrais das competencias autonómicas, subliñou, que están a ser desatendidos.

Como alternativa, propuxo medidas como un plan de choque contra as listas de espera sanitarias, outro para mellorar as infraestruturas educativas, unha reforma da atención primaria para asegurar citas en menos de 48 horas ou a creación dun banco público de alugueiro de vivendas.​​​​

Avogou por medidas en materia enerxética, de apoio aos sectores primarios como o lácteo ou o marisqueiro, de coordinación aeroportuaria e, sobre todo, por unha maior negociación con entidades e institucións para levar a cabo unha reforma da administración local e pactar unha proposta de financiamento para Galicia.

A este respecto, afeoulle tanto a Alfonso Rueda como ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, as súas críticas ao modelo presentado polo Goberno central, que definiu como un "punto de partida" con marxe de mellora, e a súa negativa para aceptar a condonación de parte da débeda pública galega.

Para rematar, entre reproches polas políticas da Xunta en ámbitos como a igualdade, a cultura ou a memoria democrática, o dirixente socialista aludiu á situación dos montes galegos tras os incendios forestais do pasado verán, que arrasaron, citou, máis de 178.000 hectáreas en toda Galicia.

Gómez Besteiro foi apoiado durante a súa intervención por membros do seu partido presentes na bancada de invitados do Parlamento de Galicia, como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, ou o delegado especial da Zona Franca de Vigo, David Regades.

Non acudiron á sede do Lexislativo autonómico, con todo, ningún dos tres rexedores do partido nas cidades da Coruña, Lugo e Ourense; nin tampouco a presidenta da entidade provincial lucense, Carmela López.

Rueda a Besteiro: "Sexa valente e recoñeza que os galegos pagan a metade das rebaixas fiscais que propón Sánchez"

Besteiro durante a súa intervención, con ironía, convidaba a Rueda a preguntarse sobre que cambiara na vida dos galegos nestes 17 anos e o presidente da Xunta na réplica retrucáballe que esa pregunta faise cada catro anos e que "os galegos revalidan a maioría absoluta do PP e aos socialistas os sitúa cada vez máis abaixo".

Tamén lle reprochou ao dirixente socialista que trouxera ao debate de política xeral o "argumentario da Moncloa" e asegurolle que a "Xunta non ten ningunha intención de chegar a ningún acordo con Trump".

Sobre a vivenda o presidente da Xunta lembrou que o Goberno central ten tamén competencias nesa materia e criticou o resultado de declarar zonas tensionadas.

Outro dos temas motivo de confrontación entre presidente da Xunta e o líder dos socialistas foi o estado da sanidade.

Rueda insitiu en que xa recoñeceu que "había que mellorar as listas de espera" pero tamén destacou que as de Galicia "resisten calquera comparativa co resto de comunidades e tamén coa media nacional". Apuntou que as listas están crecendo pola actual folga de médicos "contra unha ministra ausente" dixo. Rematou acusando a Besteiro de nin mencionar esa protesta e volveu pedirlle  "valentía".

Alfonso Rueda respondeu tamén ás criticas sobre a política aeroportuaria lémbrandolle que é unha competencia en mans do Estado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade