Trump di que o Líbano non está incluído no acordo de tregua e Irán interrompe o paso de buques por Ormuz
Trump di que o Líbano non está incluído no acordo de tregua e Irán interrompe o paso de buques por Ormuz
"Por Hezbollah. Non foron incluídos no acordo. Iso tamén se resolverá. Non hai problema", aclarou
O Exército israelí bombardeou máis de 100 "obxectivos" en tan só dez minutos no Líbano, a maior onda de ataques desde o inicio da guerra
Irán interrompe de novo o paso de buques por Ormuz polos ataques israelís no Libano, xusto despois de que os EUA anunciasen a súa reapertura
Trump di que Irán non enriquecerá máis uranio e ameaza con aranceis a quen lle venda armas
Estragos provocados p0los ataques de Israel no Líbano (REUTERS/Yara Nardi)
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, dixo este mércores que os ataques de Israel contra Hezbollah no Líbano son unha "escaramuza" separada da guerra librada xunto ao Estado xudeu contra Irán, polo que non forman parte do cesamento do fogo temporal alcanzado a pasada noite con Teherán.
Preguntado nunha entrevista telefónica coa cadea de radio PBS sobre se estaba ao tanto dos masivos bombardeos israelís lanzados hoxe sen aviso previo contra Beirut, Trump respondeu: "Si, eles (Hezbollah) non estaban incluídos no acordo".
Segundo Trump, o propio grupo extremista xiíta foi a razón pola que non foron incluídos na pausa de dúas semanas no conflito coa República Islámica. "Por Hezbollah. Non foron incluídos no acordo. Iso tamén se resolverá. Non hai problema", aclarou.
Este mércores, no medio do cesamento do fogo en Irán, o Exército israelí bombardeou máis de 100 "obxectivos" en tan só dez minutos no Líbano, a maior onda de ataques desde o inicio da guerra, causando pánico entre a poboación civil.
Irán e Estados Unidos acordaron onte á noite unha tregua de catorce días condicionada á reapertura do estratéxico estreito de Ormuz. Este período servirá para negociar o fin dunha guerra que comezou o 28 de febreiro e deixou miles de mortos en Irán, entre eles mulleres e nenos, con polo menos trece militares estadounidenses falecidos.
Ante os continuos bombardeos sobre o Líbano, Teherán anunciou este mércores que interrompeu a navegación dos buques petroleiros por Ormuz, renovada tras o pacto de onte á noite.
A República Islámica tamén estaría a condicionar a súa participación nas negociacións do próximo venres coS EUA. en Islamabad a que o cesamento do fogo se implemente tamén no Líbano, segundo informacións do diario estadounidense Wall Street Journal.
So acepta algúns puntos do acordo
Trump, aclarou que tan só hai un conxunto de puntos aceptados polo seu país no alto o lume pactado con Irán e que serán os que se discutan durante as negociacións nas dúas próximas semanas, aínda que non aclarou de momento en que consisten.
"Existe un único conxunto de 'puntos' significativos que resultan aceptables para os Estados Unidos, e discutirémolos a porta pechada durante estas negociacións", escribiu o mandatario na súa rede Truth Social.
O mandatario asegurou que "estes son os puntos que constitúen a base sobre a cal acordamos un cesamento do fogo".
Trump quixo responder así ao que na súa opinión son informacións falsas e engadiu na súa mensaxe que "numerosos acordos, listas e cartas están a ser enviados por persoas que non teñen absolutamente nada que ver coa negociación entre os EUA e Irán".