Galegos da flotilla denuncian "a brutalidade" israelí e critican a actuación da Ertzainzta
Din que 67 dos voluntarios sufriron feridas graves e que foron "secuestrados a máis de 1.000 quilómetros de Palestina"
Consideran "inadmisible" que España e Europa "sigan mantendo contratos co Estado de Israel"
Voluntarios da flotilla na comparecencia ante os medios. EFE/Lavandeira jr.
Varios dos galegos que participaron na Global Sumud Flotilla compareceron este luns, tras poder regresar a Galicia, para narrar os "tres días no ventre da besta" en que, denuncian, constataron "a brutalidade a crueldade e a violencia gratuíta coa que se manexa o exército israelí" e que, sinalaron, reviviron á súa chegada ao aeroporto de Bilbao, cando sufriron cargas policiais "sen desencadenamento".
"Rompémonos moito máis que estando no barco en Israel", aseguraron.
Sandra Garrido, Alberte Pagán, Xurxo Porritt e Andrea Morales falaron ante os medios de comunicación tras o seu regreso a Galicia despois de permanecer tres días detidos polo exército israelí que interceptou a flotilla humanitaria no seu roteiro a Gaza en augas internacionais do Mediterráneo.
Tamén o fixeron tras a situación de tensión vivida no aeroporto de Bilbao á chegada dos seus compañeiros, onde se produciu unha carga policial e houbo 4 detidos sen que, aseguran, mediase ningún tipo de provocación.
"A Ertzaintza estaba a empuxar, empuxando, e nun momento dado, un activista foi abrazar á súa familia e aí empezaron os porrazos", narrou Sandra Garrido.
Con todo, e aínda que dan testemuño das lesións físicas e psíquicas derivadas da súa detención por parte de Israel, advirten de que non desistirán en denunciar a situación en Gaza: "Hai que paralo, e se hai que poñer o corpo para paralo, volveremos poñer o corpo para paralo".
Denuncian a "impunidade" de Israel
"A nosa misión sempre foi abrir un corredor de axuda humanitaria, denunciar o xenocidio en Gaza e intentar paralo, algo que non están a facer os Gobernos", dixo Sandra Garrido, que denunciou que Israel "apresou, torturó e desapareceu durante máis de dous días ás persoas da flotilla", se que "houbese ningún tipo de repercusión a nivel internacional", o que "estende a súa impunidade ao que queira facer co resto do mundo".
Garrido denunciou as condicións que sufriron durante a súa detención, aínda que incidiu en que estas "non son nin unha mínima parte das que están a sufrir as presas palestinas", entre as que hai "moitas menores de idade".
Ademais, quixo poñer sobre a mesa "a impunidade dese fascismo global" que, dixo, "hai que paralo". "E se hai que poñer o corpo para paralo, volveremos poñer o corpo para paralo", clamou, considerando "inadmisible" que España e Europa "sigan mantendo contratos co Estado de Israel" en distintas materias.
"Tres días no ventre da bestia"
Ante os medios congregados en Santiago, Alberte Pagán falou dos "3 días no ventre da besta" nos que puideron "constatar a brutalidade, a crueldade e a violencia gratuíta coa que se manexa o exercito israelí".
"Non só os funcionarios armados exercían esa violencia física e psicolóxica, se non que todo o funcionariado mostraba o mesmo desprezo e inhumanidade cara a nós", engadiu.
Alberte Pagán falou do "absurdo" da detención en augas internacionais para "ser trasladados a Israel e deportarnos". "Nós non entramos en territorio israelí, fomos secuestrados a máis de 1.000 quilómetros de Palestina", sinalou, co que, apuntan, a flotilla atopábase "moi lonxe do que Israel considera o seu colchón marítimo para intentar manter o cerco a Gaza".
En consecuencia, os activistas reclaman que os gobernos europeos se posicionen contra esta arbitrariedade: "O seguinte paso será vir ás nosas prazas para deter aos manifestantes", dixo Pagán.
67 integrantres da flotilla feridos
Tras pasar polo hospital en Turquía, apunta, os activistas informan de "67 persoas con feridas graves" derivadas desta detención.
Ao redor do 30 por cento dos integrantes da flotilla presentan lesións de consideración, sinalan, ao que se sumarán "moitas reaccións postraumáticas", di Xurxo Porrit.
Este activista, enfermeiro xubilado, dixo que durante a súa detención privóuselles de auga e de roupa, agredíuselles e durmiron "aglomerados" e en situación de "deshidratación", unhas condicións que, advirte no entanto, "para os palestinos sería un hotel de primeira".
"Non chegamos, pero gañámoslles, porque o mundo viu o que fan", dixo Porritt, que instou a "seguir pelexando" polo pobo palestino.
Críticas a Ertzaintza
Ademáis do ocorrido en Israel, os activistas galegos denunciaron a situación vivida no aeroporto de Bilbao e criticaron a Ertzaintza por unha carga que, aseguraron, non obedeceu a ningún desencadenamento.
"Foi algo sorpresivo para nós. Non houbo ningún movemento que o desencadease", dixo Sandra Garrido, para quen esta situación "foi algo construído", culpando indirectamente ao Goberno de Israel, que "cando se ve acurralado, constrúe narrativas que distraen da idea central".
Garrido dixo que "os tentáculos de Israel van moito máis alá do propio ente" e mencionou que a empresa de seguridade do aeroporto de Bilbao "ten convenios con empresas israelís".
A maiores, denunciou a "hipocrisía dos gobernos" que "denuncian o que lles pasa á flotilla, pero permiten que a policía do País Vasco golpee aos activistas".