Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di que as conversas con Irán "avanzan de xeito construtivo" pero sen présa

Trump di que as conversas con Irán "avanzan de xeito construtivo" pero sen présa

Asegura que o bloqueo marítimo aos portos iranianos vai continuar ata que "se alcance, certifique e firme un acordo"

REUTERS/Kylie Cooper REUTERS/Kylie Cooper
G24.gal 24/05/2026 17:03 Última actualización 24/05/2026 18:19

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este domingo que as conversas de paz con Irán "avanzan de xeito construtivo". Porén, ordenoulle ao seu equipo negociador que non se apresure para poder garantir un acordo verdadeiramente positivo.

"As negociacións avanzan de xeito ordenado e construtivo, e informei aos meus representantes para que non se apresuren a pechar un acordo, xa que o tempo está do noso lado", dixo na súa rede Truth Social.

O mandatario agregou que o bloqueo marítimo que Washington lle impuxo aos portos iranianos, e que forzou o desvío dun cento de buques, "manterase en plena vixencia ata que se alcance, certifique e firme un acordo".

"Ambas as dúas partes deben tomarse o seu tempo e facelo ben. Non pode haber erros!", agregou.

Malia admitir que a "relación con Irán está a volverse moito máis profesional e produtiva", subliñou que Teherán debe "comprender que non pode desenvolver nin adquirir unha arma ou unha bomba nuclear".

Segundo filtracións a distintos medios, o acordo que están a piques de pechar incluiría a reapertura do estreito de Ormuz, o levantamento de sancións contra Irán, a desconxelación de fondos iranianos e unha tregua de 60 días para negociar un pacto nuclear.

Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Contido do borrador

Segundo un alto cargo estadounidense citado por Axios, durante a prórroga do cesamento do fogo desbloquearíse Ormuz, Irán podería vender petróleo libremente e celebraríanse eleccións para limitar o programa nuclear da República Islámica.

Neses dous meses, Irán normalizaría o tránsito polo estreito, unha vía chave para o comercio mundial de cru que foi bloqueada polo país en represalia pola ofensiva estadounidense e israelí que comezou a finais de febreiro, e comprometeríase a retirar as minas mariñas da zona.

A cambio, os Estados Unidos levantarían o bloqueo que mantén contra os portos iranianos e levantaría algunhas sancións para permitir a Teherán vender o seu cru, algo que beneficiaría á economía iraniana e ao mercado mundial de petróleo.

O borrador do pacto incluiría, ademais, o compromiso de Irán de non buscar unha arma nuclear, unha liña vermella que puxo Trump durante as negociacións.

A tregua de 60 días serviría tamén para negociar un acordo para limitar o programa de enriquecemento de uranio por parte de Irán a cambio do levantamento de sancións e a desconxelación de fondos iranianos.

Tamén incluiría o fin da ofensiva israelí contra Hezbollah no Líbano, unha condición que preocupa ao ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, segundo lle expresou a Trump nunha conversa telefónica este sábado.

Algúns senadores republicanos criticaron o borrador porque consideran que os Estados Unidos estarían a ceder demasiado fronte á República Islámica.

Majid Asgaripour/WANA vía Reuters Majid Asgaripour/WANA vía Reuters

Novas autorizacións

A Garda Revolucionaria anunciou este domingo que 33 buques comerciais atravesaron o estreito de Ormuz durante as últimas 24 horas baixo supervisión e protección iraniana. Dende o mércores, cruzaron o paso 150 embarcacións.

"Durante as últimas 24 horas, 33 embarcacións, entre elas petroleiros, portacontedores e outros buques comerciais, atravesaron o estreito de Ormuz tras obter autorización e baixo a coordinación e protección da Armada da Garda Revolucionaria", indicou nun comunicado recollido polos medios locais.

O corpo militar de elite segurou ademais que mantén un "control intelixente" sobre o estratéxico paso marítimo, por onde antes da guerra transitaba preto do 20% do petróleo e gas mundial.

Irán mantén parcialmente restrinxido o tráfico marítimo na zona desde o inicio da guerra lanzada polos Estados Unidos e Israel o pasado 28 de febreiro, mentres Washington respondeu cun cerco naval sobre portos e embarcacións iranianas desde mediados de abril.

As Forzas Armadas de Irán afirmaron este domingo que se encargarán da seguridade do golfo Pérsico e do estreito de Ormuz baixo unha "nova orde rexional e mundial" e "sen presenza estranxeira", mentres Teherán e Washington achegan posturas.

Segundo a axencia Tasnim, vinculada a Garda Revolucionaria, o memorando de entendemento contemplaría a recuperación do volume de tránsito de buques polo estreito de Ormuz existente antes da guerra, pero baixo control iraniano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade