Ana Pontón ve a Rueda como o "presidente do estancamento" e acúsao de deixar unha Galicia máis débil
Ana Pontón ve a Rueda como o "presidente do estancamento" e acúsao de deixar unha Galicia máis débil
A nacionalista insistiu na urxencia en investir na sanidade e na educación pública e en mellorar as políticas de vivenda
Pontón tamén fixo referencia á falta de medidas para mellorar o acceso a unha vivenda digna ou á permisividade para instalar eólicos en Galicia mediante unha “barra libre” aínda que iso signifique poñer en risco o monte ou o mar galego.
Todo iso, ao seu xuízo, repercute na calidade de vida en Galicia e, por iso, na Comunidade instalouse unha “crise demográfica” cunha “natalidade en caída libre”.
Durante a súa intervención, a líder da oposición tamén fixo referencia a un dos principais anuncios realizados por Rueda esta mañá; a posta en marcha dun programa integral de abordaxe das baixas laborais centrado en doenzas musculoesqueléticas e psiquiatría menor; ante o que o acusou de “criminalizar aos traballadores”.
Pontón denunciou que esta sexa a principal medida da Xunta en materia de emprego malia que, segundo a nacionalista, Galicia é a segunda comunidade con menos baixas do Estado e, se teñen unha maior duración que noutros puntos do territorio, débese a que a sanidade pública está colapsada.
Dixo que este anuncio supón “unha falta de respecto para a clase traballadora” e esixiulle “que pida desculpas” por tratar aos galegos “como vagos e maleantes”.
Por último, Pontón censurou a política lingüística da Xunta e a redución de políticas de igualdade, ámbito ao que Rueda “non fixo nin unha soa mención” durante o seu discurso co que evidenciou unha actitude “bochornosa”.
Aínda que “que esperar dun PP que cando ten denuncias internas de acoso, o seu protocolo é acosar ás vítimas”, cuestionou.