Pazos dille á oposición que ''os galegos non poden recoñecerse nesa Galicia disparatada que debuxan''
Pazos dille á oposición que ''os galegos non poden recoñecerse nesa Galicia disparatada que debuxan''
Pazos comparou a política de industrialización do BNG cunha güija e sinalou que, a pesar de os intentos de boicot, están a bater marcas de emprego industrial
Cualificou aos nacionalistas como a "confraría da perpetua negatividade" insistindo en que "levan décadas opoñéndose a todos os avances experimentados en Galicia"
Pazos puxo en valor os "avances" alcanzados con Rueda fronte ao "relato distópico" de PSOE e BNG
A última intervención no Debate de Política Xeral antes da réplica do presidente da Xunta aos grupos parlamentarios, foi para Alberto Pazos do PPdG quen falou amplamente da 'oposición do non' asegurando que 'os galegos non poden recoñecerse nesa Galicia disparatada que debuxan'.
Na súa intervención, sostivo que "Altri non foi paralizada nin pola mobilización social nin por ningunha ilegalidade, foi paralizada polo centralismo dun goberno socialista e antigalego que antepuxo os seus intereses de partido aos intereses de país", manifestou.
Pazos volveu a describir aos nacionalistas como a "confraría da perpetua negatividade" ou "os do non" insistindo en que é "unha agrupación que se caracteriza por levar décadas opoñéndose a todos e cada un dos avances experimentados en Galicia", dixo.
Un dos momentos máis aplaudidos foi cando Pazos comparou a futura política de industrialización do BNG cunha güija, dicindo que 'descoñecía que Pontón fora medium' porque 'ás veces ve mortos' como cando menciona que 'Rosalía de Castro está en contra de Altri'.
'Atrás quedaron os tempos nos que eran necesarios confusos informes técnicos para autorizar unha industria". Para que? Basta consultar a güija do eterno non. A única resposta posible segundo o nacionalismo", dixo Pazos.
Iso valeulle para facer unha pequena performance con humor, utilizando unha especie de güija á que lle preguntou se Ana Pontón (BNG) ou Xosé Manuel Besteiro (PSdG) serían futuros presidentes de Galicia, ao que 'parece ser que non, polo tanto este sistema funciona', arrancando os aplausos e os sorrisos dos seus compañeiros de partido.
E aproveitando este tema sinalou que 'Galicia, a pesar de os intentos de boicot dalgúns, está a bater marcas de emprego industrial'.
Criticou que, "en poucas horas", a oposición tratase de describir a Galicia como "unha terra ocupada, colonizada, escravizada polos intereses de pérfidos oligopolios", "cunha sanidade colapsada, os maiores abandonados á súa sorte, os recursos naturais esquilmados, campos ermos, costas arrasadas, traballadores escravizados e mulleres abandonadas á súa sorte" e chegou a ironizar con que "mentres soan as trompetas de Jericó, Galicia camiña inexorablemente ao abismo".
Tamén fixo mención á decisión da Audiencia Provincial da Coruña de confirmar o arquivo da denuncia contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, por agresión sexual, para asegurar que espera que a oposición teña a "mesma contundencia" que tivo para "criminalizalo" para "pedirlle desculpas claras e convincentes".
O deputado do PPdG tamén tivo un momento para dirixirse persoalmente a Besteiro 'agradecéndolle a súa presenza no Parlamento despois das súas incontables ausencias' e remarcou que Galicia non necesita dous delegados do Goberno, só un que antepoña os intereses de Galicia aos do seu partido'.
Entre outras cuestións, Pazos aproveitou o seu discurso para dar a benvida aos deputados do PPdeG que estiveron asuntes tras verse implicados nun accidente de tráfico na autoestrada AP-9 cando acudían a un pleno da Cámara galega. Ademais, volveu a poñer en valor que Galicia continúe sendo un "illa de estabilidade", afastada do "ruído" cun goberno que se parece a ela.
Todo iso, afirmou, grazas á vontade do pobo que leva 15 anos "renegando do histrionismo institucional" e apostando por manter a esta terra "afastada do ruído do populismo e a pelexa permanente".
"Fixemos unha invitación a un diálogo sen fin, pero tamén aclaramos cales debían ser, ao noso entender, as bases e límites para chegar a acordos", afirmou.
E a continuación sostivo que "a única base posible para o consenso é o programa electoral que foi referendado maioritariamente nas urnas polos galegos".
No tema da Sanidade Pazos argumentou que a 'Sanidade galega é a sétima mellor valorada de España'.