A Xunta ataca o Goberno polo seu recurso contra a renovación eólica e da dependencia e a oposición o defende
A Xunta ataca o Goberno polo seu recurso contra a renovación eólica e da dependencia e a oposición o defende
A Xunta pretendía para Galicia menos aeroxeradores e unha factura máis barata da luz con esa reforma legal paralizada no Constitucional
O PP fala de "obsesión para que Galicia non avance"; BNG e PSOE consideran que as medidas poderían crear inseguridade xurídica
A renovación eólica en Galicia quedou paralizada este xoves polo Tribunal Constitucional. O recurso presentado polo Goberno de Pedro Sánchez afecta tamén o proceso de recoñecemento de máis dependentes.
Menos aeroxeradores e unha factura máis barata da luz. É o que pretendía a Xunta con esa reforma legal paralizada no Constitucional. O Executivo de Sánchez entende que invade as súas competencias.
Para os populares galegos, esta manobra é un novo sinal da falta de respecto institucional da Moncloa coa Xunta. Alberto Pazos achacou o recurso do Goberno á lei galega de acompañamento de 2024 á súa "obsesión para que Galicia non avance e que os galegos non teñan servizos de primeiro nivel".
Segundo Pazos, o Goberno pon "todo tipo de obstáculos" ás iniciativas de Galicia que favorezan o seu desenvolvemento industrial e económico, no caso dos eólicos, e tamén social, coa avaliación de dependentes; "mentres abre as mans" para conceder competencias ao País Vasco e Cataluña para "manterse na Moncloa".
Para a oposición, trátase dun recurso normal nun Estado de dereito. Os socialistas galegos danlle a razón e pídenlle á Xunta non ter a pel tan fina.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Xunta de "facer as regras á forza" e desenvolver a enerxía eólica en Galicia "ás bravas, sen diálogo" e con "ausencia de seguridade xurídica".
Nesa teoría de onde as dan lévanas, coincide tamén o BNG. Para Ana Pontón o problema vai máis aló da actuación do Constitucional e responde a unha mala xestión normativa por parte da Xunta. No ámbito da enerxía eólica, denunciou que o Goberno galego "está a crear un auténtico caos lexislativo" que xera "máis inseguridade xurídica" no país.
Dependencia
O recurso do Goberno central tamén paraliza o plan de choque da Xunta para atender máis dependentes. Din os populares galegos que hai unha intencionalidade política clara do Goberno de Sánchez que prexudica a Galicia.
Cada novo dependente recoñecido aforra 9.000 euros en impostos. Por iso desde a Xunta cren que o Goberno de Sánchez paralizou o plan galego para simplificar a homologación da dependencia.