Falece aos 73 anos Antón Louro, referente do socialismo galego
Deputado no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, foi secretario de Organización con Emilio Pérez Touriño entre 1998 e 2004 e delegado do Goberno en Galicia
Arquivo/PSdeG
Faleceu aos 73 anos de idade o exdeputado socialista e exdelegado do Goberno en Galicia Antón Louro Goyanes.
Louro, que deixara a primeira liña política en 2015, chegou a ser secretario de organización do PSdeG e o seu traballo foi clave para a vitoria electoral que levantou a Emilio Pérez Touriño á presidencia da Xunta de Galicia no ano 2005.
Licenciado en Ciencias Químicas pola USC, exerceu como profesor e desempeñou diversas responsabilidades políticas desde finais dos anos 80. Foi deputado no Parlamento de Galicia entre 1997 e 2004, e secretario de Organización do PSdeG entre 1998 e 2004.
Renunciou ao cargo para encabezar a candidatura do PSOE ao Congreso pola provincia de Pontevedra, que mantivo ata que en 2009 foi nomeado delegado do Goberno en Galicia.
Nas municipais de 2007 foi nomeado concelleiro de Promoción Económica en Pontevedra, no Goberno bipartito BNG-PSdeG, e a piques estivo de presidir a Deputación de Pontevedra.
En 2009 renunciou ás actas de deputado e edil para asumir o cargo de delegado do Goberno en Galicia.
No 2011 regresa á política local, tras ser escollido responsable de urbanismo e tenente de alcalde. Ao final dese mandato, no 2015, decidiu abandonar a primeira liña política.
O socialismo galego chora a morte de Louro
Desde que se coñeceu a morte de Antón Louro, sucédense as mostras de condolencias na política autonómica.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que con Louro marcha un "socialista de raza" que axudou a escribir as "mellores páxinas" do socialismo galego recente e a "transformar Galicia desde todos os ámbitos".
Marcha Antón Louro.
— Gómez Besteiro (@jrgomezbesteiro) March 12, 2026
Un bo amigo. Un socialista de raza que axudou a escribir as mellores páxinas do socialismo galego recente, axudando a transformar Galicia desde todos os ámbitos nos que colaborou e sendo clave para acadar un goberno socialista na Xunta.
Os que tivemos a… pic.twitter.com/EfIs2R6rJB
Con "fonda tristeza" despediuse tamén de Antón Louro o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que lembrou que o seu compañeiro foi un "referente" dentro do socialismo galego.
Blanco subliñou que Louro foi un servidor público "incansable" e que sempre se mostrou "comprometido" co país, co progreso e co benestar dos galegos.
Con profunda tristura despedimos a Antón Louro, quen foi delegado da @DelegGobGAL e un referente do socialismo galego.
— Pedro Blanco (@blancolobeiras) March 12, 2026
Un servidor público incansable, comprometido co país, co progreso e co benestar dos galegos e galegas.
Todo o meu afecto á súa familia, amigos e compañeiros. pic.twitter.com/EsYPBZOZ26
Na mesma liña pronunciouse o presidente da Deputación da Coruña e exlíder do PSdeG, Valentín González Formoso, que afirmou que foi unha "figura clave" no socialismo galego e un servidor público "sempre comprometido" con Galicia.