Publicador de contidos

Publicador de contidos

Eugenia Iglesias, nova concelleira en Lugo tras o falecemento de Olga López

Eugenia Iglesias, nova concelleira en Lugo tras o falecemento de Olga López

A número 13 da lista socialista entrará no consistorio tras a renuncia de Alberto Caldeiro por motivos profesionais e privados

G24.gal 13/04/2026 13:08

Eugenia Iglesias Vargas será a nova concelleira do Concello de Lugo, incorporándose á corporación municipal en substitución de Olga López Racamonde, falecida a pasada semana por un cancro de mama. Iglesias ocupaba o posto número 13 na candidatura socialista encabezada por Lara Méndez nas eleccións municipais de 2023.

A entrada de Iglesias prodúcese despois de que o profesor e sindicalista Alberto Caldeiro, a quen correspondía asumir a acta, renunciara a facelo por motivos de incompatibilidade coa súa situación profesional e privada. Deste xeito, Iglesias dará o paso á política municipal na recta final do mandato, cando quedan 13 meses para as próximas eleccións locais.

Natural de Piúgos, no municipio de Lugo, Eugenia Iglesias conta con formación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ámbito en que desenvolveu parte da súa traxectoria profesional. Na actualidade, traballaba como vixiante de seguridade no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Esta será a quinta remodelación do Goberno local desde 2023 tras as saídas de Lara Méndez e María Reigosa, e os falecementos da alcaldesa Paula Alvarellos e dos concelleiros Pablo Permuy e Olga Alvarellos. O Goberno local atópase agora nun difícil contexto político debido á minoría do bipartito PSOE-BNG tras o cambio de María Reigosa, a última en entrar, a non adscrita.

Tras o tempo de loito, o Goberno local traballa desde este luns na nova reorganización de tarefas, xa que a nova concelleira non conta con experiencia na xestión administrativa. Polo momento non se sabe que funcións vai ocupar ou se a carteira de Olga López Racamonde irá para outro edil.

O obxectivo do alcalde é ofrecer nos próximos días un reaxuste de tarefas que sexa compatible tamén coas características profesionais dos edís para enfrontar a recta final do mandato.

O perfil de Eugenia Iglesias está vinculado o ámbito do deporte, onde conta cunha ampla experiencia e formación, incluíndo o título de cinto negro de karate e acreditacións como monitora de fútbol sala e a súa experiencia en centros sociais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade