Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro admite que sabe desde outubro do caso Tomé por "unha terceira persoa": dimite a responsable de Igualdade do PSdeG

Besteiro admite que sabe desde outubro do caso Tomé por "unha terceira persoa": dimite a responsable de Igualdade do PSdeG

Silvia Fraga reprocha á dirección non contar con ela no primeiro comunicado

Besteiro asegura que se reuniron ata en catro ocasións e que o suposto acosador negou os feitos

Nega pola contra que coñecese a existencia dalgunha denuncia e di que non chegou a reunirse coas vítimas

O líder do PSdeG anunciou a creación dunha xestora socialista na provincia de Lugo, dirixida por Luis Ángel Lago Lage

G24.gal 12/12/2025 17:26

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, admitiu este venres que foi xa no mes de outubro cando coñeceu o suposto caso de acoso do que se acusa o expresidente da Deputación de Lugo José Tomé polo que lle pediu explicacións, e el negouno.

Tras a reunión da Comisión Executiva Nacional, Besteiro dixo que soubo do relato por “unha terceira persoa”, que foi quen lle falou dunha “posible vítima”, a cal, con todo, non deu o paso de denunciar ata esta semana, destacou.

Por iso, desde o PSOE entenden que si actuaron con “rapidez e contundencia” desde o momento en que se rexistrou a denuncia na canle interna do PSOE.

“O partido non mirou para outro lado”, xustificou o líder socialista na súa intervención ante a prensa, e insistiu en que se lle pediu a Tomé a súa dimisión de todos os seus cargos, institucionais e orgánicos, xustamente o mesmo día en que se coñeceu a denuncia.

"Cando non había denuncia, hai unhas semanas, en outubro, unha persoa pediunos ser escoitada. Eu mesmo quixen atendela persoalmente. Non falaba no seu nome, senón que relataba presuntas condutas machistas que afectaban a unha terceira persoa", narrou. Dito isto, asegurou que a súa resposta foi "atender a persoa e escoitala" e "que animase a vítima para denunciar", relatou Besteiro

Besteiro negou de novo que coñecese a existencia dalgunha denuncia por acoso sexual contra José Tomé. Subliñou que atenderon esa "terceira persoa" ata en catro ocasións desde outubro. En resposta aos xornalistas, asegurou que tanto a vicesecretaria do PSdeG, Lara Méndez, como a da provincia de Lugo, Pilar García Porto, eran coñecedoras desta situación.

Na súa comparecencia asegurou que en canto tiveron coñecemento da existencia de denuncias contra José Tomé suspendeu a axenda, reuniuse con el e pediulle que abandonase todos os cargos.

Lago Lage dirixirá a xestora provincial

O líder do PSdeG anunciou a creación dunha xestora socialista na provincia de Lugo, que estará dirixida por Luis Ángel Lago Lage.

 

Dimisión da secretaria de Igualdade do PSdeG

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou a súa dimisión durante a reunión da Executiva Nacional dos socialistas galegos celebrada este venres, tras expresar críticas pola xestión do partido no caso das denuncias contra o ata agora presidente da Deputación de Lugo.

Segundo fontes da dirección do PSdeG, Fraga reprochou que a cúpula da formación non consultase con ela o primeiro comunicado emitido polo partido despois de transcender as denuncias.

Tomé formalizaba na mañá deste venres a súa renuncia á presidencia da Deputación de Lugo, pero non facía entrega da súa acta de deputado provincial, como lle reclama o PSdeG. Ademais, mesmo presidiu a Xunta de Goberno deste organismo, o que provocou que se ausentasen dela os seus socios de goberno do BNG.

A comparecencia de Besteiro chegaba un día despois da carta que dirixiu á militancia socialista de Galicia, na que aseguraba que non tivo coñecemento das denuncias por acoso sexual que, segundo destapou o programa 'Código 10' en Cuatro, presentaron ata seis mulleres contra Tomé Roca.

Nesa carta non aclaraba se el mesmo ou a vicesecretaria do PSdeG Lara Méndez recibiron nalgún momento información do que estaba acontecendo de boca dalgunha das vítimas, como apuntaba algunha delas nese programa.

Tomé segue mantendo que as acusacións son  falsas, e nun primeiro momento negárase a dimitir. O que non deixou foi a alcaldía de Monforte. Tomé e os outros nove concelleiros, segundo anunciou, seguirán gobernando como non adscritos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade