A Fiscalía presenta unha querela contra José Tomé tras recibir unha denuncia por acoso sexual
O Ministerio Fiscal cre que "os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade"
Rueda urxe a "asumir responsabilidades políticas" tras a querela da Fiscalía contra José Tomé
O PSOE suspende o procedemento interno contra Tomé: "Será a xustiza agora quen determine as responsabilidades"
A Fiscalía Provincial de Lugo decidiu interpoñer unha querela contra o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, quen o pasado mes de decembro dimitiu como presidente da Deputación Lugo, por "un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública".
O paso da Fiscalía Provincial prodúcese tras recibir unha denuncia particular por feitos "supostamente delituosos" cometidos contra unha muller en setembro de 2025.
"Considera a Fiscalía que os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura dunhas dilixencias de investigación preprocesal (DEP) e a interposición de querela, sen ser preciso efectuar ningunha dilixencia de investigación desde a Fiscalía, de maneira que, unha vez xudicializado o asunto, poidan exercerse en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición", informa o Ministerio Público.
O Ministerio Público non considera preciso efectuar ningunha dilixencia de investigación desde a Fiscalía, de maneira que, unha vez xudicializado o asunto, poidan exercerse en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición.
José Tomé solicitou a baixa de militancia no PSOE o pasado mes de decembro e presentou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo como consecuencia dunha denuncia por un suposto caso de acoso sexual a través da canle interna da formación política.
En cambio, mantívose como alcalde de Monforte de Lemos, non adscrito, aínda que co apoio do grupo municipal do PSdeG-PSOE, e tamén conservou a súa acta como deputado provincial -tamén como non adscrito-.
De feito, asinou esta mañá o decreto de delegación de competencias en materia de Muller e Igualdade na edila Regina López Arias, que forma parte do goberno municipal desde 2019 como responsable da área de Consumo. Este nomeamento prodúcese despois da renuncia á acta por "motivos persoais" de Margarita López, que foi comunicada no último pleno da corporación municipal celebrado o pasado luns 23 de febreiro.
Coa delegación das atribucións no ámbito de Muller e Igualdade, Regina López asumirá esas competencias sen deixar as propias. Deste xeito, López encabezará os actos organizados polo Concello de Monforte con motivo da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pide respectar a presunción de inocencia de Tomé, e apunta que o BNG e o PSdeG deben dar explicacións porque pactaron a súa remuda na presidencia da Deputación de Lugo.
"Haberá que asumir responsabilidades políticas", continuou o tamén líder do PP galego, quen resaltou que continúa sendo rexedor de Monforte e deputado provincial en Lugo. De feito, apuntou a PSdeG e BNG para remarcar que se valeron do seu voto para manter o goberno provincial "amparándose en parte en que non había denuncia no ámbito xudicial".
O PSOE suspende o procedemento interno contra Tomé: "Será a xustiza agora quen determine as responsabilidades"
O PSOE anunciou que suspende o procedemento interno aberto contra o alcalde de Monforte.
"Agora corresponde investigar os feitos con rigor e con todas as garantías, respectando tamén a presunción de inocencia, que é un principio básico da nosa democracia", di o PSOE de Lugo nun comunicado no que destaca no que confía "plenamente na xustiza" nun Estado de dereito.
"As e os socialistas animamos sempre a denunciar, respectando que a decisión de facelo, e o momento no que se fai, pertence única e exclusivamente á vítima", agrega.
Remarca que ao pasar o asunto á vía penal, tal e como establecen as súas normas, o PSOE suspende o procedemento interno aberto na canle antiacoso.
"Será a xustiza agora quen determine o que ocorreu e, se procede, as responsabilidades correspondentes, a partir das que actuaremos, como sempre, con responsabilidade, coherencia e respecto ás persoas e as institucións", conclúe o PSOE.
O BNG lembra que sempre esixiu a Tomé que entregase a acta e reitera o seu "apoio total á vítima nas decisións que tome"
O BNG, socio do PSdeG na Deputación de Lugo, sinalou este luns que sempre pediron ao expresidente José Tomé, ante a denuncia por acoso sexual coñecida en decembro, que entregase a acta, a cal conserva despois de irse ao grupo mixto tras a súa baixa como socialista e a renuncia ao cargo que tiña.
Agora que a Fiscalía presentou unha querela por vía penal contra o tamén alcalde de Monforte, o Bloque emitiu un comunicado no que lembra a esixencia desde o primeiro momento da súa renuncia como presidente e a petición de que abandonase o escano "por respecto á persoa denunciante, á cidadanía e á política".
"A querela da Fiscalía, coñecida hoxe, reafirma o noso posicionamento", explica este grupo.
O BNG indica ademais que a súa postura a finais do ano pasado "forzou" a dimisión de José Tomé, "que non forma xa parte do goberno provincial". Por último, os nacionalistas reiteran o seu apoio total á vítima nas decisións que tome.
Ante casos de acoso sexual, ven fundamental respectar a vontade e os tempos e asegurar que se dan as garantías necesarias para, no momento en que así se considere, acudir aos tribunais, como pasou neste caso.