O fillo de Tomé entra no grupo socialista de Monforte tras a renuncia da edil de Igualdade
O rexedor José Tomé goberna como non adscrito, co apoio dos seus ex compañeiros do PSOE, partido que abandonou tras a denuncia contra el por acoso sexual
O PP volveu pedir no pleno a dimisión do alcalde ao considerar a súa permanencia no cargo "insostible e indigna"
Miguel Tomé toma posesión como concelleiro nun pleno presidido polo seu pai, o alcalde José Tomé
Miguel Tomé tomou posesión na tarde deste luns como concelleiro do grupo municipal socialista no Concello de Monforte de Lemos, onde o seu pai, José Tomé, é o alcalde.
José Tomé goberna como non adscrito co apoio dos concelleiros do PSOE, cos que conta con maioría absoluta. Tomé deixara a militancia socialista tras a denuncia contra el por acoso sexual presentada por unha muller. A finais de 2025, dimitiu do seu cargo como presidente da Deputación de Lugo.
Miguel Tomé, que prometeu o seu cargo nun pleno municipal celebrado na tarde deste luns, recolleu a acta que estaba vacante de Margarita López Rodríguez, exconcelleira de Igualdade que presentou a súa renuncia, alegando motivos persoais, na sesión plenaria do pasado novembro.
José Tomé deu os "parabéns" ao seu fillo e informoulle de que xa pode exercer desde ese momento "en pleno dereito" como edil.
Miguel Tomé xa fora edil no anterior mandato
Miguel Tomé xa foi concelleiro no anterior mandato en Monforte de Lermos. Ocupou o número catro da candidatura do PSdeG ao Parlamento de Galicia pola provincia de Lugo, aínda que non conseguiu escano, por detrás do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro; da responsable de Organización, Lara Méndez; e da exalcaldesa de Trabada Mayra García.
O grupo municipal do PP volveu pedir a dimisión do alcalde
A voceira municipal do PP, Katy Varela, volveu reclamar no pleno deste luns a dimisión do rexedor, xa que considera a súa permanencia no cargo "insostible e indigna" despois de que Fiscalía interpuxese unha querela contra o rexedor.
Censura que "a súa continuidade na alcaldía é un insulto a todos os monfortinos". Acusa a José Tomé de que "comprou" a todos os concelleiros do PSOE con "unha subida de 50 euros nas dietas" para "garantir que lle aprobaban o decreto da vergoña e así poñerse o salario máximo que permite a lei".
Durante o pleno, o portavoz municipal do BNG, Emilio Sánchez, desexoulle "sorte" e acertos a Miguel Tomé no seu novo cargo.