Varias mulleres denuncian a José Tomé na canle interna do PSOE por acoso sexual
Segundo o programa de Cuatro 'Código 10', seis mulleres presentaron denuncia contra o presidente da Deputacion de Lugo e non tiveron resposta
Tomé nega as acusacións e anuncia accións legais para defenderse
A dirección do PSdeG afirma que non lle consta ningunha denuncia
Seis mulleres presentaron denuncias a través da canle interna contra o acoso do PSOE sinalando o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, por presuntos tocamentos, mensaxes e chamadas de contido sexual e ofrecementos de postos de traballo a cambio de favores sexuais, segundo revelou o programa Código 10, de Cuatro.
O programa sostén que as denunciantes comunicaron estes feitos á dirección do PSOE en Galicia sen recibir resposta. Porén, a dirección do PSdeG afirma non ter constancia de ningunha denuncia, nin xudicial nin interna nin a través da canle antiacoso, que permite avisos anónimos.
O secretario xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, declarou que non recibira ningunha notificación, aínda que o funcionamento da canle, xestionada desde Ferraz por asesores externos, podería implicar que as denuncias aínda non chegasen á dirección galega.
Desde o programa de Cuatro aseguran que tanto Besteiro como a vicesecretaria Lara Méndez coñecían a existencia destas denuncias.
José Tomé ocupa varios cargos relevantes: é membro do Comité Federal do PSOE, presidente da Deputación de Lugo, presidente provincial do PSOE en Lugo e alcalde de Monforte.