O Senado aproba a lei de multirreincidencia, con máis controis para os migrantes
A norma, unha iniciativa de Junts, endurece a lei de estranxeiría e establece penas de ata tres anos polo roubo de móbiles
Os solicitantes de residencia non poderán ter antecedentes penais
O Senado aprobou este mércores a lei para acabar coa multirreincidencia, unha proposta de Junts que incorporou, durante o seu paso pola Cámara Alta, varias emendas que endurecen a lei de estranxeiría, con mais controis para os migrantes que soliciten a regularización, co que a norma deberá pasar de novo polo Congreso.
O texto, aprobado cos votos do PP, PSOE, Junts, Vox, PNV e UPN, modifica o Código penal e a Lei de Enxuizamento Criminal e penaliza con ata tres anos de cárcere o roubo de móbiles. Ademais, propón tipificar como delito o 'petaqueo', como se coñece ao uso de embarcacións 'petaqueras' que en alta mar fornecen de bidóns de combustible ás narcolanchas, así como os roubos no campo de material e ferramentas.
Agora, tras as modificacións introducidas polo PP no Senado, modifícase tamén a lei de estranxeiría cun novo artigo sobre "garantías fronte á impunidade e de reforzo da seguridade en España" que establece que todas as autorizacións de residencia precisarán que o solicitante careza de antecedentes penais.
O senador do PP, Juan Bautista Milián defendeu os cambios introducidos polo seu partido e salientou que non se pode combater eficazmente a multirreincidencia se o ordenamento permite que persoas con antecedentes penais accedan ou manteñan autorizacións de residencia sen un control rigoroso.
"Esixir só unha declaración responsable é converter a España no maior coladero de delincuentes de toda Europa. É facerlle o xogo sucio ás mafias", dixo este senador.
Os solicitantes de residencia non poderán ter antecedentes en España nin nos países nos que viviran con anterioridade.
O senador do PSOE José María Oleaga, amosou a súa preocupación porque estas emendas supoñen a criminalización da inmigración e acusou o PP de "comprar a axenda ultra" de Vox. Os socialistas considera que non hai nada que xustifique a expulsión automática dun estranxeiro sen ter en conta a gravidade do delito cometido e a súa situación persoal ou familiar. O PSOE advertiu de que o que se aproba hoxe no Senado coa maioría do PP "será corrixido" no Congreso dos Deputados.
ERC, pola súa banda abstívose nesta votación, do mesmo xeito que fixo no Congreso, ao considerar que "o punitivismo da multirreincidencia é tan inútil como cruel" e advertiu de que incrementar as penas só favorece que "da non violencia pásese á violencia delincuencial".
Mario Zubiaga, de EH Bildu, cualificou a norma de "reforma placebo" e afirmou que unha resposta meramente punitiva demostrou non ter efecto ningún.
Para Junts, a lei acaba cun "auténtico pesadelo" en barrios e vilas
Desde Junts, o senador Eduard Pujol celebrou a aprobación desta lei porque a multirreincidencia -dixo- é un "auténtico pesadelo" que en moitos casos "rompeu a convivencia" en barrios, rúas, prazas e vilas. Lamentou ademáis que a norma estivese máis de dous anos "durmindo o soño dos xustos" no Congreso.
Vox, pola súa banda, reclamou medidas como a expulsión inmediata do territorio nacional para quen cometa delitos repetidamente e a prohibición de acollerse a calquera procedemento de arraigamento social ou laboral, ou a calquera residencia se se cometeu un delito.
Introducíronse enmendas propostas polo PP, PSOE e Vox
Entre os cambios introducidos no texto, figura unha emenda do PP que esixe un informe policial completo para a tramitación de autorizacións de estancia e residencia e outra que obriga, no prazo máximo de dous anos, a ampliar con polo menos un fiscal por cada cen mil habitantes as fiscalías de área, provinciais e de comunidade autónoma.
O texto incorporou tamén unha emenda do PSOE pola que se inclúe un subtipo agravado de fraude de fluído eléctrico para esixir un maior reproche penal (con penas de prisión de 6 a 18 meses ou multas de 12 a 24 meses) para os delitos vinculados cos cultivos 'indoor' de marihuana, onde frecuentemente se comete fraude de subministración eléctrica.
Ademáis se incluiu outra proposta de Vox para permitir que as entidades do sector público local poidan exercer a acción penal nos delitos de furto.