O Goberno aproba un segundo decreto con medidas en vivenda tras o choque con Sumar malia non ter maioría no Congreso
O Goberno aproba un segundo decreto con medidas en vivenda tras o choque con Sumar malia non ter maioría no Congreso
A reunión do Consello de Ministros atrasouse dúas horas por discrepancias entre o PSOE e Sumar polo contido do plan para facerlle fronte á guerra en Oriente Medio
Sánchez recoñeceu que non existe aínda unha maioría parlamentaria para aprobar este decreto sobre vivenda; o PP advirte que votará en contra
Arquivo/A. Pérez Meca/Europa Press
A xuntanza extraodinaria do Consello de Ministros comezou con dúas horas de atraso por discrepancias entre o PSOE e Sumar polas medidas incluídas no plan. Finalmente, e tras as presións de Sumar, os socios acordaron asinar dous reais decretos distintos para facerlle fronte ás consecuencias da guerra en Oriente Medio.
No primeiro deles estarán incluídas medidas para baixar os prezos da enerxía, como a rebaixa do 10 % do imposto aos combustibles, redución de tributos á electricidade e outras medidas como a ampliación do bono social eléctrico.
O segundo inclúe as iniciativas relativas á vivenda que viña esixindo Sumar, entre as que se atopan a prórroga automática por dous anos dos 600.000 alugueiros que decaen este ano.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recoñeceu que non existe aínda unha maioría parlamentaria no Congreso dos Deputados para validar este segundo real decreto.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, Sánchez insistiu en que o Goberno de coalición progresista non vai renunciar a dar unha resposta tamén á emerxencia habitacional que sofre boa parte da cidadanía.
Do mesmo xeito, Sánchez restou importancia ás diferenzas con Sumar, e presentou esa negociación como un activo do Goberno e non como un problema.
O xefe do Executivo apuntou a que é "moi importante" poñer en valor "a capacidade de diálogo" do Goberno e dixo que esta forma de facer política é a que se leva a cabo en Europa e en democracia.
Á súa vez lembrou que, unha vez que os dous partidos se puxeron de acordo para aprobar os dous decretos, toca falar co resto de formacións políticas para lograr consensos no Congreso, ademais de con os axentes sociais, a patronal e os sectores afectados pola crise.
"É a política do século XXI", agregou Sánchez, unha política que segundo dixo "non lle senta nada mal a España".
Desde Sumar trasladan a súa satisfacción por incluír varias medidas que demandaban, en especial o control das marxes empresariais e a prórroga de alugueiros, tendo en conta que esta mañá o que había encima da mesa antes da celebración do Consello era un mero decreto de rebaixa fiscais. "Agora o panorama é moi distinto", celebran.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, celebraron que o Goberno alcanzase un acordo para prorrogar os contratos de alugueiro durante dous anos.
"Para isto estamos no Goberno", recalcou Yolanda Díaz nunha mensaxe na súa rede social Bluesky, no que subliñou que o acordo alcanzado no Consello de Ministros extraordinario deste venres tamén inclúe control das marxes empresariais e amplía a protección aos traballadores e traballadoras.
Para Díaz, este acordo amplía o escudo social para protexer á xente fronte á guerra "ilegal" de Trump en Oriente Próximo.
O ministro de Cultura e voceiro de Movemento Sumar, Ernest Urtasun, mostrou a súa satisfacción polo "excelente" acordo alcanzado coa parte socialista do Goberno.
Urtasun sinalou que para Sumar era "imprescindible" que hoxe o Consello de Ministros aprobase medidas para protexer os inquilinos e para controlar as marxes empresariais polo que estiveron negociando intensamente nas últimas horas no seo da coalición.
Insistiu en que este acordo, "moi satisfactorio" para a súa formación, foi posible grazas ao traballo dos cinco ministros de Sumar, que á primeira hora da mañá se negaron a participar no Consello de Ministros ata que non se incluísen as medidas que solicitaran.