Publicador de contidos

Publicador de contidos

O líder supremo de Irán chama a “arrebatar a seguridade aos inimigos”

O líder supremo de Irán chama a “arrebatar a seguridade aos inimigos”

O líder relixioso expresou as súas condolencias pola morte do ministro de Intelixencia, Khatib

Mojtaba Khamenei non se viu en público nin en imaxes desde que foi nomeado líder supremo en substitución do seu pai

A Garda Revolucionaria de Irán informou este venres da morte do seu voceiro, o xeneral de brigada Ali Mohamad Naini

Imaxe de Mojtaba Khamenei en Teherán (Majid Asgaripour/WANA) Imaxe de Mojtaba Khamenei en Teherán (Majid Asgaripour/WANA)
G24.gal 20/03/2026 09:27 Última actualización 20/03/2026 09:44

O líder supremo de Irán, Mojtaba Khamenei, afirmou este venres que se debe “arrebatar a seguridade aos inimigos”, nunha mensaxe de condolencias polo asasinado ministro de Intelixencia, Ismail Khatib. “A seguridade debe ser arrebatada aos inimigos internos e externos e outorgarlla a todos os nosos concidadáns”, dixo nunha mensaxe en X Khamenei.

O líder relixioso expresou as súas condolencias pola morte de Khatib o martes pola noite e desexou que “a misericordia de Deus descanse sobre el”.

Mojtaba Khamenei non se viu en público nin en imaxes desde que foi nomeado o 8 de marzo líder supremo en substitución do seu pai Alí Khameneí, asasinado no primeiro día de guerra.

Os funerais de Khatib celebraranse hoxe na mesquita Mosala de Teherán.Un día antes tamén foi asasinado o secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional, Ali Lariyani, a figura política máis relevante no país ata a súa morte.

A Garda Revolucionaria de Irán informou este venres da morte do seu voceiro, o xeneral de brigada Ali Mohamad Naini, no último caso dun alto cargo iraniano asasinado nos ataques dos Estados Unidos e Israel. O corpo militar de elite cualificou a morte de Naini como "un traizoeiro acto terrorista en vésperas do último día de Ramadán", de acordo cun comunicado recolleito por medios locais.

Naini era o director adxunto e voceiro da Oficina de Relacións Públicas da Garda Revolucionaria.

Mentres tanto, Teherán seguiu sufrindo ataques israelís-estadounidenses con polo menos cinco bombardeos ao longo da noite.Tamén se reportaron ataques en Isfahan e Yazd, onde parece que foron bombardeadas dúas instalacións militases.

A guerra entre os Estados Unidos e Israel e Irán atópase xa na terceira semana con continuos bombardeos contra o territorio iraniano, en especial Teherán, que respondeu con ataques a instalacións estadounidenses e enerxéticas na rexión, e o bloqueo do estreito de Ormuz.

Irán xa non ofrece datos do número de mortos no seu territorio no conflito. A última cifra oficial publicouse o 5 de marzo e situouse en 1.230. Con todo, a ONG opositora HRANA, con sede nos Estados Unidos, sitúa o número de mortos en 3.134. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade