O Goberno rebaixa ao 10 % o IVE dos carburantes, a luz e o gas pola guerra de Irán
O plan de resposta para paliar as consecuencias do conflito será aprobado este venres nun Consello de Ministros Extraordinario e votarase o xoves no Congreso
Transporte, loxística, o campo, a pesca ou as industrias máis intensivas en uso de enerxía son os sectores que terán máis axudas
Arquivo/Jesús Hellín/Europa Press
O presidente do Goberno Pedro Sánchez comparecerá este venres ante os medios de comunicación tras a celebración dun Consello de Ministros extraordinario para informar do plan integral de resposta ás consecuencias da guerra en Irán.
O paquete de medidas para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio pasa por unha batería de medidas fiscais que inclúe unha rebaixa do IVE dos carburantes de automoción, a electricidade e o gas natural, que pasará do tipo xeral (21 %) ao reducido (10 %).
Ademais de baixar o IVE, o Goberno vai reducir o tipo do imposto especial de hidrocarburos, que actualmente é de 0,379 euros por litro de diésel e 0,47269 euros por litro de gasolina.
Desta maneira, tal e como se esperaba, o Executivo renuncia definitivamente á bonificación de 20 céntimos por litro que se aplicou na crise inflacionaria da guerra de Ucraína, que segundo indicaron varios membros do Goberno nestes días tivo algúns efectos distorsionadores.
As axudas do Goberno, ao detalle
Segundo fontes de ERC, o plan do Goberno inclúe un desconto de 20 céntimos por litro de diésel no imposto especial de hidrocarburos para os transportistas con dereito a devolución do gasóleo profesional.
Tamén se incluirá unha axuda de 20 céntimos por litro de gasóleo para uso agrario e unha axuda extraordinaria e temporal por vehículo para os transportistas que non se benefician da devolución.
O Goberno vai suprimir o imposto de xeración eléctrica, que é do 7 % e que pagan as compañías, e a rebaixar o imposto especial de electricidade, que é do 5,11 % e pagan os consumidores.
Como reforzo do escudo social, o decreto mellora o bono social eléctrico. Segundo ERC, o desconto sería do 42,5 % para consumidores vulnerables e do 57, 5% para vulnerables severos.
Así mesmo, inclúese a dedución do 15 % no IRPF pola compra de vehículos eléctricos, que decaera ao non validarse o decreto ómnibus.
Outra das medidas que se incluirían no plan do Goberno, segundo fontes de ERC, é a dedución no IRPF por obras de mellora da eficiencia enerxética de vivendas e a prohibición do despedimento para empresas beneficiarias de axudas públicas.
Medidas que en principio non entrarán no plan
O Executivo parece descartar, por agora, a bonificación ao prezo dos combustibles ou a rebaixa do IVE dos alimentos, como se fixo cando estourou a guerra de Ucraína.
Tampouco se prevé que inclúa a prohibición dos desafiuzamentos a persoas vulnerables nin a prórroga dos contratos de alugueiro que vencen este ano e o seguinte, xa que ambos os asuntos non contan con suficiente apoio na Cámara.
"Nós incorporaremos as medidas que conten con consenso", dixo a ministra María Jesús Montero esta semana ao ser preguntada sobre se o decreto incluirá medidas de vivenda que están a reclamar Sumar e outros socios de esquerda.
O decreto lei será debatido e votado o vindeiro xoves, 26 de marzo, no Congreso.