España desmárcase da declaración internacional para esixir que Irán acabe cos ataques en Ormuz
Os países europeos que asinan a declaración son o Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e Países Baixos, e xunto a eles O Xapón
O presidente do Goberno conversa con chanceler alemán no Consello Europeo celebrado este xoves en Bruxelas. Reuters
Cinco países europeos (O Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e Países Baixos) máis Xapón esixiron este xoves a Irán cesar "inmediatamente" os seus ataques contra barcos e infraestruturas, así como acabar co bloqueo do estreito de Ormuz, nun comunicado conxunto no que non mencionan á outra parte nesta guerra.
O comunicado comeza condenando "nos termos máis tallantes" os ataques iranianos contra "barcos desarmados", infraestruturas civís, instalacións de petróleo e gas e o peche de facto do estreito de Ormuz por parte de Irán, que, lembran, son unha violación da resolución 2817 do Consello de Seguridade da ONU. Subliñan que os ataques iranianos terán consecuencias que "van sufrir xente de todo o mundo, especialmente os máis vulnerables".
Ademais, dinse listos a "contribuír aos esforzos adecuados para garantir un paso seguro polo estreito (de Ormuz)", sen maiores precisións e sen aludir concretamente á petición estadounidense de participar nunha sorte de coalición que escolte aos cargueiros que se atrevan a atravesar Ormuz.
"Aplaudimos o compromiso das nacións que se sumaron a un plan de preparación", sinalan, sen dar outros detalles. "A seguridade marítima e a liberdade de navegación benefician a todos os países", conclúen, antes de chamar "a todos os países a respectar a lei internacional".
Nin os Estados Unidos nin Israel, país este último que tamén bombardeou unha enorme instalación gasística en Irán nas últimas horas, aparecen mencionados polo seu nome no comunicado.