Publicador de contidos

Publicador de contidos

Netanyahu: "Irán xa non ten capacidades para producir uranio nin mísiles balísticos"

Netanyahu: "Irán xa non ten capacidades para producir uranio nin mísiles balísticos"

Netanyahu asegurou que, tras 20 días de ofensiva, Israel está "a gañar e Irán está a ser decimado"

O primeiro ministro israelí admite que "Israel actúo só" no seu ataque contra xacemento de gas en Irán

Netanyahu: "Alguén se cre que lle podo dicir a Trump que facer?"

Netanyahu, na súa comparecencia deste xoves (REUTERS/Ronen Zvulun) Netanyahu, na súa comparecencia deste xoves (REUTERS/Ronen Zvulun)
G24.gal 19/03/2026 21:15

O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, asegurou este xoves nunha rolda de prensa para a prensa estranxeira na súa oficina en Xerusalén que Irán, tras vinte días de campaña militar, "xa non ten capacidades para enriquecer uranio nin mísiles balísticos".

"Atacámoslles desde o aire, baixo terra e agora tamén desde o mar", indicou á vez que o Exército israelí emitía un comunicado informando de que detectara a chegada de máis mísiles desde Irán contra o norte de Israel.

Na súa segunda rolda de prensa oficial desde o inicio do conflito, Netanyahu asegurou que, tras 20 días de ofensiva, Israel está "a gañar e Irán está a ser decimado", sinalando o que describe como un dano significativo ás capacidades militases de Teherán

O mandatario asegurou que os arsenais de mísiles e drons de Irán están a ser "degradados masivamente" e prometeu que "serán destruídos".

Con todo, o primeiro ministro israelí evitou establecer un calendario para o fin da ofensiva contra o país persa e asegurou que o seu Goberno "non está a contar os días" para poñerlle fin.

"Seica lle viron a cara ao novo líder?"

Ademais, cuestionou o liderado do país persa, afirmando non estar seguro "de quen está a gobernar Irán nestes momentos".

"Seica lle viron a cara ao novo líder?", preguntou aos xornalistas presentes, en alusión á falta de aparicións públicas do novo líder supremo, Mojtaba Khameneí, desde o seu nomeamento a semana pasada.

Neste contexto, asegurou que Israel dispón de información de intelixencia que apunta a "gretas" no Goberno iraniano, aínda que evitou facer especulacións sobre o futuro do país en caso dunha eventual revolución.

"Non direi quen estará alí (no hipotético caso de que o Réxime iraniano fose derrocado), pero creo que el (Reza Pahlaví) é unha forza para o ben", afirmou o mandatario.

Admite que "Israel actúo só" no seu ataque contra xacemento de gas en Irán

Netanyahu, admitiu que actuaron sós no seu ataque contra as instalacións gasísticas de Pars Sur, que forman parte do maior xacemento de gas do mundo que comparten Irán e Catar. Nun primeiro momento falárase tamén da posible participación dos Estados Unidos nese ataque.

"Direi dúas cousas. Primeiro, Israel actuou só contra o complexo de gas. Segundo, o presidente Trump pediunos que suspendésemos futuros ataques e estámolo facendo", subliñou o mandatario israelí.

O proxectil lanzado por Israel o mércores alcanzou unha parte das instalacións de gas, provocando incendios en varias zonas que foron contidos polos bombeiros. Irán, pola súa banda, informou de que o bombardeo contra estas instalacións gasísticas non causou vítimas.

"Alguén se cre que lle podo dicir a Trump que facer?"

O primeiro ministro israelí insistiu este xoves en que el "non arrastrou" ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, á guerra con Irán e aseverou: "Alguén se cre que lle podo dicir a Trump que facer?".

Así mesmo, o líder israelí asegurou que foi o presidente Trump quen lle pediu durante a súa visita o pasado mes de decembro na súa mansión en Mar-a-Lago (Florida) garantir que Irán non dispoña de bombas nucleares.

"Díxome: Bibi, temos que asegurarnos que Irán non teña bombas nucleares", subliñou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade