Tomé renuncia á presidencia da Deputación de Lugo e advirte: "Non pararei ata saber que hai detrás"
Nun pleno extraordinario, reivindicou a súa inocencia e insistiu en que a denuncia de acoso sexual presentada contra el na canle interna do PSOE "é falsa"
De maneira provisional, a presidencia da Deputación de Lugo será ocupada polo agora vicepresidente, Efrén Castro, do BNG
Carlos Castro /Europa Press
José Tomé oficializou este martes a súa renuncia á presidencia da Deputación de Lugo tras as denuncias de acoso sexual presentadas na canle interna do Partido Socialista.
Foi nun pleno extraordinario celebrado no Pazo de San Marcos no que,. non só abandonou o cargo de presidente, senón que tamén paseou a ser concelleiro non adscrito, polo que non deixará a súa acta de deputado, algo que continúa demandando o BNG.
Precisamente, os deputados nacionalistas ausentáronse da cámara durante a intervención de Tomé, que aproveitou para reivindicar a súa inocencia. Asegurou que "quen nada fixo nada ten que temer", e insistiu en que a "presunta denuncia é falsa": "Non pararei ata descubrir que é o que hai detrás", subliñou.
O xa expresidente provincial lamentou que "o dano xa está feito", a nivel político, persoal, social e familiar, e que, por tanto, "xa non hai volta atrás" co acontecido.
Segundo dixo, "nin era o único nin era o principal obxectivo"; e agregou que as acusacións contra el obedecen "a cuestións políticas supramunicipais".
No seu discurso, sacou peito polos seus seis anos e medio á fronte da Deputación, nos que o seu goberno foi "exemplar" e actuou "con total transparencia".
De maneira provisional, a presidencia da Deputación de Lugo recae no ata o de agora vicepresidente, Efrén Castro, do BNG, ata que se celebre o pleno para designar á persoa que sucederá a José Tomé, que aínda non foi acordada.
A pesar de abandonar a Presidencia da institución, Tomé non entregou a acta, como lle reclama o seu partido, polo que o seu voto será determinante na elección do seu substituto; e ademais segue como alcalde de Monforte (Lugo) como non adscrito.
O PP pide a saída da portavoz socialista
Antes de facerse efectiva a renuncia de Tomé, o portavoz popular, Antonio Ameijide, insistiu en esixir tamén a saída da portavoz socialista, Pilar García Porto, por "encubridora" e cuestionou ao BNG se está disposto "a gobernar con esa mancha".
Ameijide reprochou que Tomé "quere seguir controlando a Deputación desde a sombra" e aseverou que lle gustaría "coherencia e dignidade" por parte do PSOE #ante esta situación.
Neste punto, subliñou que "a solución" a ten o BNG, que, na súa opinión, debe decidir "se quere seguir nunha institución manchada por un presidente que non é digno dela". "Hoxe veremos se elixen feminismo ou pisar moqueta", censurou.
O PSOE defende a súa actuación
portavoz socialista, Pilar García Porto, volveu a insistir en que os socialistas fixeron "todo canto estaba" nas súas mans "desde o primeiro momento".
"Atendeuse, escoitouse á presunta denunciante, que falaba por unha terceira persoa, sen haber denuncias, por tanto non tivemos coñecemento das mesmas ata a emisión do programa de televisión", relatou.
Ademais, asegurou que a xestora do partido en Lugo está a funcionar "con total normalidade" e "todos os órganos do partido e agrupacións están perfectamente atendidas".
O BNG rexeita as "actitudes de acoso"
O portavoz do BNG, Efrén Castro, avanzou que os nacionalistas votarán a favor da reprobación de Tomé polas "actitudes de acoso", pero rexeitou a reprobación a García Porto avanzada por Ameijide.
"Pode dicir o que queira, pero o texto da moción non a cita, así que cada un pode interpretalo como queira. A quen hai que reprobar é aos acosadores. É errar o tiro", recalcou.
Coa renuncia oficial, o mando pasa a estar en mans do vicepresidente, o nacionalista Efrén Castro, ata o 14 de xaneiro, cando está prevista unha nova sesión para elixir ao novo presidente.
Mentres se perfilan posicións para o pleno, aínda non hai unha confirmación oficial de quen presidirá a Deputación no ano e medio que falta para esgotar a lexislatura. Barállanse tres nomees, Carmela López, alcaldesa de Burela; Fran Cajoto, alcalde de Foz, e Pablo Rivera, colaborador de Tomé e concelleiro en Láncara.
Sen un nome definitivo, a xestora escollida polo PSOE, presidida polo rabadense Angel Luis Lago Lage, segue traballando en silencio sobre o futuro inmediato da institución e tamén co obxectivo principal de deseñar un PSOE que acuda reforzado aos próximos comicios.