Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tomé deixa a presidencia da Deputación de Lugo pero non a alcaldía; o PSOE esíxelle que abandone as actas

Tomé deixa a presidencia da Deputación de Lugo pero non a alcaldía; o PSOE esíxelle que abandone as actas

Asegura que el e todos os concelleiros socialistas de Monforte pasan ao grupo dos non adscritos e manterán o goberno

Na Deputación, di que seguirá como deputado pero abandonará tamén o Grupo Socialista, malia que seguirá apoiando o bipartito PSOE-BNG

Di que marcha "por responsabilidade" e para defender mellor a súa inocencia: mantén que as acusacións son falsas e so recoñece "unha broma"

O PSdeG di que "é o que debía de facer e é o que lle esixiu este partido que fixese"

Tomé compareceu ante os medios en Monforte de Lemos para anunciar a súa decisión (EFE/ Pedro Eliseo Agrelo Trigo)
G24.gal 10/12/2025 16:37

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, compareceu para anunciar que presenta a súa dimisión nunha conferencia de prensa en Monforte de Lemos, onde é alcalde. Ademais presentou a súa renuncia a todos os cargos no Partido Socialista de Galicia, do que era secretario xeral na provincia de Lugo..

Logo de coñecer a súa dimisión, o PSOE esixiulle que renuncie tamén ao cargo de alcalde de Monforte e a súa acta de deputado provincial, algo que Tomé non ten intención de facer.

Nunha comparecencia na sede do partido neste municipio, dixo á prensa que pediu a suspensión cautelar da militancia, pero que no Concello vai continuar gobernando e que vai facelo pasando ao grupo non adscrito, do mesmo xeito que todos os seus concelleiros que, segundo trasladou, van dar o mesmo paso que el "voluntariamente".

Ademais, anunciou que seguirá como deputado provincial pasando a formar parte do grupo dos non adscritos na Deputacion, onde seguirá apoiando o bipartito PSOE-BNG.

Di que marcha "por responsabilidade" e para defender mellor a súa inocencia: mantén que as acusacións son falsas.

O político lucense sostivo que toma estas decisións "voluntariamente" e tras falar cos seus compañeiros do partido. Tomé reiterou a súa inocencia e anunciou que tomará medidas legais contra unhas acusacións que considera falsas.

O responsable provincial referiuse tamén ás supostas mensaxes de contido sexual que motivaron algunhas das denuncias presentadas contra el na canle interna de acoso do PSOE. Nunca houbo, dixo, nin acoso sexual nin comportamentos inadecuados. So recoñeceu algunha "broma".

Tras catro décadas como afiliado de base no partido da súa "vida", subliñou que isto non é "inocente", que se saberá "a verdade" e que non vai ser un "estorbo" nin para o líder do PSOE, Pedro Sánchez, nin tampouco para o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, nin moito menos para a propia organización.

O PSOE creará unha xestora e di que chegará "ata o final" na investigación

Unha vez rematada a comparecencia de Tomé, o PSdeG emitiu un comunicado avaliando a decisión.

"É o que tiña que facer. É o que debía de facer e é o que lle esixiu este partido que fixese, debendo acompañalo coa entrega das súas actas", asegura a dirección socialista galega.

Engadiron que "as informacións sobre presunto acoso sexual en Lugo non só nos producen tristeza, senón repugnancia, e xa están a ser investigadas con todas as consecuencias. O Partido Socialista vai chegar ata o final."

O PSdeG di que chegará "ata o final" na investigación duns feitos que "non só nos producen tristura, senon repugnancia", e anuncia unha que vai pedirlle á dirección federal a creación dunha xestora do Partido Socialista en Lugo logo da renuncia de Tomé.

Sen coñecemento das denuncias na canle de acoso

Un día máis, os socialistas galegos reiteraron que "non temos coñecemento de ningunha denuncia na canle contra o acoso porque non podemos telo, ao garantir o anonimato o protocolo que activa o partido. Por iso, neste momento e coa información da que dispoñemos, pedimos respecto para a vítima e confiamos na investigación do Órgano contra o Acoso". 

Quen non se pronunciou foi o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

Tamén se pronunciaron fontes da dirección socialista en Madrid. Explicaron que o órgano contra o acoso do partido recibiu o pasado luns a denuncia anónima contra Tomé e os "diversos testemuños deste caso".

Engadiron que o mesmo luns iniciouse "o trámite de análise e contraste" e que agora o expediente aberto seguirá o seu curso ata concluír co informe de conclusións.

Nese sentido, precisan que a suspensión de militancia, aínda que sexa cautelar, non supón o fin do procedemento.

As denuncias que orixinaron a dimisión

A renuncia sería consecuencia das denuncias por suposto acoso sexual que transcenderon nas últimas horas logo da emisión en Cuatro do programa Código 10.

Na mañá deste mércores, Tomé descartaba dimitir e aseguraba que as acusacións son falsas.

 

A súa dimisión fora reclamada polo BNG, socio de goberno na Deputación de Lugo, e o propio PSdeG anunciara unha resposta "contundente" ante as informacións publicadas en todos os medios de comunicación sobre as supostas denuncias presentadas por seis mulleres a través da canle interna de acoso do PSOE.

O PP pídelle os responsables do PSdeG que aclaren se o sabían

O PP de Lugo esixiu a José Tome que dimita tamén como alcalde de Monforte de Lemos e deixe a súa acta como deputado provincial.

Nun comunicado, os populares lucenses trasladan o seu "máximo apoio" a todas as mulleres e, particularmente, "ás presuntas vítimas que o denunciaron por acoso sexual a través das canles internas do PSOE".

Lamentan ademais que Tome e o PSdeG sigan "sen dar explicacións sobre o ocorrido" e sen aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas.

Aínda que manifestan o seu respecto á presunción de inocencia, inciden en trasladar a súa condena ante este tipo de condutas "graves" que "merecen o seu profundo rexeitamento".

Así as cousas, esixen, "por responsabilidade e coherencia", a dimisión de José Tomé como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos.

Así mesmo, esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial que "aclaren" se eran ou non coñecedores dalgunha das denuncias presentadas polas canles internas e, en caso afirmativo, adoptar medidas urxentes.

O PP abandona o pleno

As oito da tarde comezaba ademais un pleno extraordinario do concello de Monforte, o primeiro logo da dimisión de Tomé. Nesta sesión o Partido Popular reclamou incluir un novo punto na orde do día para tratar sobre o novo escenario que se abre logo da renuncia do rexedor. Ante a negativa de Tomé a aceptar debatir ese asunto, os edís do PP optaron por marchar do salón de plenos.

Momento en que os concelleiros do PP abandonan o salón de plenos Momento en que os concelleiros do PP abandonan o salón de plenos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade