Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Tomé descarta dimitir tras ser denunciado por acoso sexual: "É falso, e tomarei as medidas oportunas"

José Tomé descarta dimitir tras ser denunciado por acoso sexual: "É falso, e tomarei as medidas oportunas"

O presidente da Deputación de Lugo asegura que non ten constancia de ningunha denuncia nin por vías internas do partido nin por vía xudicial

O PSOE confirma unha denuncia anónima por acoso contra Tomé e promete actuar con celeridade

Besteiro anulou a súa axenda e Lara Méndez di que o sucedido lle produce tristeza e regugnancia

Rueda afirma que o caso Tomé revela un patrón de conducta no Partido Socialista

Pontón pide a dimisión de Tomé e o grupo provincial do BNG ameaza con romper a coalición na Deputación

José Tomé, durante un acto este mércores, en Monforte de Lemos (EFE/ Brais Lorenzo)
G24.gal 10/12/2025 10:41 Última actualización 10/12/2025 14:22

O presidente da Deputación de Lugo nega as acusacións de presunto acoso sexual feitas públicas nas últimas horas  na canle interna do PSOE e asegura que non ten coñecemento de ningunha denuncia nin por vías internas do partido nin por vía xudicial.

José Tomé sostén que o que saíu publicado é totalmente falso, é mentira, e non existe ningunha proba contra el. Por iso, avanza que, tras falar co seu avogado acordaron tomar as accións legais que procedan para restituír a súa honra, xa que son acusacións gravísimas que fan moitísimo dano: "Tanto a min como á miña familia".

Tomé afirma que non vai entrar en polémicas, cre que evidentemente todo isto é unha montaxe e sostén que algún día se saberá a verdade e a que obedece todo iso.

Entrementres, afirma: "Vou seguir traballando polo concello de Monforte e pola provincia de Lugo".

O PSOE confirma unha denuncia por acoso contra o presidente da Deputación de Lugo

O PSOE confirmou este mércores que se presentou unha denuncia anónima por acoso sexual nas canles internas do partido contra o presidente da Deputación de Lugo José Tomé horas antes de que se coñecesen estes feitos a través dun programa en Cuatro.

Fontes do partido aseguran que xa se está investigando o sucedido porque a formación é a primeira interesada en que se coñeza a verdade e prometen actuar con celeridade. Insisten en que o partido está comprometido para acabar con este tipo de comportamentos machistas que os avergoñan e comprométense a levar a cabo o proceso interno de investigación coas máximas garantías xurídicas.

As citadas fontes insistiron, tal e como fixo o presidente do Goberno Pedro Sánchez na sesión de control do Goberno no Congreso, en que as actitudes machistas son un problema estrutural contra o que hai que actuar e recalcan que o PSOE é o único partido que ten unha canle para denunciar este tipo de actitudes.

Fontes socialistas aseguran que non temen que haxa máis casos de acoso, pero que no caso de que os houbese pide que se denuncien porque para iso o partido ten as canles apropiadas.

Ademais, apuntan a que o PP nega unha evidencia e ten un problema se cre que ningunha muller na súa formación está nesta situación. 

Besteiro anulou a axenda e Lara Méndez promete un pronunciamento contundente por parte do PSdeG: "Prodúcenos tristeza e repugnancia"

O secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro cancelou a súa axenda para este mércores tras facerse públicas as denuncias por presunto acoso sexual contra o presidente da Deputación de Lugo. Fontes do partido en Galicia avanzan que ao longo desta xornada haberá un pronunciamento contundente sobre este asunto.

A secretaria de organización do PSOE en Galicia, Lara Méndez, asegura que o ocorrido lle produce tristeza e repugnancia e avanza que, hoxe mesmo, haberá un pronunciamento contundente por parte da dirección do partido en Galicia. Trasladouno tras a reunión da Xunta de Voceiros celebrada no Parlamento Galego.

A secretaria xeral do PSOE da Coruña e alcaldesa da cidade Inés Rey expresou o seu profundo noxo ante o sucedido, manifestou a súa absoluta indignación con todos os comportamentos machistas.

"O que pido é que se investigue coa máxima celeridade, firmeza e contundencia", indicou, á vez que mandou o seu apoio total ás vítimas destas condutas absolutamente noxentas e denigrantes que non teñen cabida.

O portavoz do PSOE no Congreso Patxi López asegurou este mércores que todos os casos de presunto acoso sexual de membros do partido están fóra dos principios e valores da formación e subliñou que todos os supostos acosadores serán apartados con contundencia.

Rueda afirma que o caso Tomé revela un patrón de conduta no Partido Socialista

O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda cargou este mércores contra o PSOE tras as acusacións de acoso sexual contra o presidente da Deputación de Lugo José Tomé e afirmou que se trata dun patrón de conduta no Partido Socialista.

"Polo que vin esta mañá polos testemuños, o que digo é que se está repetindo cada vez con máis frecuencia un patrón de conduta bastante preocupante no Partido Socialista", opinou o presidente galego durante a súa viaxe a Bruxelas para participar nunha sesión plenaria do Comité de Rexións da UE (CDR).

"Eu creo que urxen explicacións urxentes e creo que, insisto, é moi preocupante", engadiu ao ser preguntado sobre o tema polos medios o presidente da Xunta e tamén líder do Partido Popular galego, quen criticou que Tomé diga que todo é mentira e nada máis.

"Están saíndo os casos a cachón no partido que presumía de que feminismo e socialismo eran o mesmo, estamos vendo en que consistía todo iso e a verdadeira realidade de moitos dirixentes socialistas", concluíu Rueda. 

O BNG pide a dimisión de Tomé e Sumar esixe contundencia

Os grupos políticos reaccionan tras a publicación destas denuncias por presunto acoso sexual contra José Tomé.

O BNG esixe a dimisión de Tomé como presidente da Deputación de Lugo, alcalde de Monforte e secretario provincial do PSOE e reclama explicacións inmediatas por parte dos socialistas.

Segundo a portavoz nacional do BNG Ana Pontón, a situación é insostible e esíxelle a Tomé que dimita de todas as súas responsabilidades. Se non o fai, afirma Pontón, debe ser o partido quen o aparte.

A voceira nacionalista reclama contundencia e considera tremendo que isto siga acontecendo en pleno 2025. Afirma que neste momento o que nos debe preocupar son estas mulleres que fan esta denuncia e estar ao seu carón.

Por iso, a nacionalista pediu ao PSOE contundencia á hora de condenar a actuación de Tomé e á hora de protexer as mulleres.

Ana Pontón considerou que o PSdeG non pode repetir a imaxe ofrecida polo PP galego que, ante a denuncia por agresión sexual contra un conselleiro da Xunta, optou por mirar para outro lado e despois despedilo entre abrazos e aplausos.

"Desde logo, espero que o Partido Socialista non repita esta imaxe no caso da Deputación, porque tapar un caso destas características é gravísimo e creo que todas as persoas que puideron estar implicadas nese proceso deberían de asumir as súas responsabilidades".

Subliñou que o BNG esixirá ao PSdeG o mesmo que lle pedimos no seu momento ao PP, a quen criticou por manter durante meses un conselleiro que sabían que tiña unha denuncia por agresión sexual. 

O grupo provincial do BNG na Deputación de Lugo, que goberna en coalición cos socialistas, anunciou que abandonará a cogobernanza da institución se Tomé non dimite.

A través dun comunicado, os nacionalistas reiteran o seu compromiso contra a violencia machista e coas súas vítimas sexa quen sexa o acusado e reclaman ao PSOE que actúe de inmediato e aparte a José Tomé das súas funcións políticas.

O ministro de Cultura e portavoz de Sumar Ernest Urtasun, asegura: "O que temos que facer é actuar con toda a contundencia do mundo. E por tanto pedímoslle non só ao PSOE, senón a calquera organización e administración que vexa casos deste tipo, que actúe con toda a contundencia".

O portavoz de ERC na Cámara Baixa, Gabriel Rufián, destaca o inútiles que, ao seu xuízo, están a ser os socialistas neste caso e en tantos outros e recalca que o que se lle pide ao PSOE e a calquera organización humana decente é que protexa as vítimas.

Un escándalo que sae á luz despois de vinte anos dedicado de cheo á política

Alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación provincial de Lugo, José Tomé Roca (Guitiriz,1958) leva vinte anos na política activa, a onde chegou tras ser líder sindical na comarca de Lemos e ocupar responsabilidades no seo da UXT Galicia.

En 2005 foi nomeado deputado autonómico no Parlamento de Galicia, onde ocupou os cargos de presidente da Comisión Institucional, vogal da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, membro da Comisión de Sanidade, Asuntos Sociais e Emprego; vogal de Traballo do PSdeG-PSOE e membro da Comisión do Consello de Contas.

En 2011 renunciou para centrarse na política local. Nese ano, Tomé entrou como edil na corporación municipal de Monforte e, tras acceder ao cargo de primeiro tenente de alcalde durante o bipartito de Severino Rodríguez, foi nomeado rexedor tras as eleccións municipais de 2015, unha responsabilidade que vén desempeñando desde hai dez anos.

Tras as eleccións locais de 2019 converteuse en deputado provincial, sendo a primeira vez en 35 anos que a capital da comarca volvía ter deputado propio. En xullo dese ano accede á presidencia deste organismo e conforma un bipartito co BNG, converténdose no terceiro socialista en ocupar este posto desde a democracia.​

José Tomé leva anos ocupando cargos de relevancia no seo do PSdeG. Foi secretario xeral da agrupación local monfortina, secretario xeral do PSOE da comarca de Terra de Lemos, e, actualmente, é presidente provincial do PSOE en Lugo e membro do Comité Federal do Partido Socialista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade