Besteiro di que non coñecía as denuncias internas contra Tomé, pero non aclara se algunha vítima lle falou de casos de acoso sexual
Besteiro di que non coñecía as denuncias internas contra Tomé, pero non aclara se algunha vítima lle falou de casos de acoso sexual
O líder do PSdeG envía unha carta á militancia asegurando que chegarán "ata o final" e esixindo a Tomé que entregue as súas actas porque é a súa "obriga ética"
O PSdeG busca novo presidente para a Deputación: Tomé, que renunciará formalmente este venres ao seu cargo logo das denuncias por acoso sexual, ten o voto clave ante o equilibrio de forzas: PP(12) fronte a PSOE (9) e BNG (3)
Torró presenta este venres o informe sobre Salazar e convoca a unha reunión ás responsables de Igualdade do PSOE
José Ramón Gómez Besteiro asegura que non coñecía as denuncias contra José Tomé a través do partido. O secretario xeral dos socialistas galegos referiuse por primeira vez nunha carta á militancia á situación do expresidente da Deputación de Lugo tras as acusacións de acoso sexual por parte de varias mulleres.
É a primeira comunicación do líder socialista tras dous días sen axenda pública. Asegura que non tiña constancia das denuncias contra o rexedor de Monforte a través da canle oficial do partido, pero non aclara se el ou a número dous dos socialistas, Lara Méndez, foran informados por outra vía dos casos de acoso, tal e como refllicten as capturas de pantalla que difundiu o programa 'Código 10'.
A carta de Besteiro
Gómez Besteiro enviaba este xoves unha carta á militancia amosando "unha profunda tristeza, unha indignación fonda e unha repugnancia inevitable" polo acontecido.
O líder do PSdeG insiste nesa misiva en non ter coñecemento de ningunha denuncia contra Tomé a través da canle interna de acoso do PSdeG, "porque o protocolo garante o anonimato absoluto". Porén, non aclarou se algunha das vítimas se puxo en contacto con el para contarlle o que estaba acontecendo con José Tomé, como apuntou o programa de Cuatro 'Código 10' cando destapou este asunto.
Na carta promete chegar ata o final e di que Tomé fixo "o que debía facer" coa dimisión, pero reiterou tamén a esixencia do PSdeG de que entregue ademais as súas actas na Deputación e no concello monfortino. É, segundo Besteiro, a súa "obriga ética".
"O PSdeG non entende a exemplaridade como un xesto retórico, senón como unha obrigación ética"
Captura da carta remitida á militancia este xoves polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro
O PSdeG reúne este venres á súa Comisión Executiva Nacional na mesma xornada na que José Tomé, o ata o de agora presidente da institución provincial e líder dos socialistas en Lugo, formalizará a súa baixa.
Tras a reunión, que se substanciará o venres pola tarde, está previsto que compareza o secretario xeral da formación en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.
Debido á saída de Tomé da dirección provincial, o PSdeG propuxo á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha Comisión Xestora para dirixir o partido na provincia de Lugo.
A dimisión será efectiva este venres
A dimisión do alcalde de Monforte, José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo será efectiva este venres, e o PSdeG ultima os preparativos para a súa substitución, tanto na presidencia da institución provincial como á fronte do aparello orgánico na provincia, tras formalizarse a súa suspensión da militancia no PSOE ao transcender que foi denunciado por suposto acoso sexual.
O propio Tomé trasladou na tarde do mércores que pedira a suspensión da militancia, uns minutos antes de que Ferraz confirmase que iniciara xa o proceso para a súa suspensión. Coa súa baixa cautelar do partido, Tomé tamén perde a condición de secretario xeral do PSOE na provincia.
Tomé condicionará a elección do novo presidente ou presidenta
Mentres estes movementos se producen no partido, no Pazo de San Marcos a dimisión será efectiva este venres, e ao longo da mañá comunicaranse os prazos do proceso de cambio, que implicará o paso de Tomé Roca a deputado non adscrito.
Polo momento non se coñece o nome da persoa que o partido designará como sucesor na presidencia. Así, aínda que varias voces apuntan á alcaldesa de Burela, Carmela López, a substitución aínda non está pechada e deberá acordarse tendo en conta distintas variables, como o feito de que o PSOE goberna en bipartito co BNG na provincia.
O primeiro paso será que o grupo socialista, do que forman parte varios deputados que se enfrontaron a Tomé nas primarias, atope un candidato de consenso e que non sexa rexeitado polo propio Tomé cando chegue o momento de elixir sucesor nunha sesión plenaria. O seu voto é clave, xa que desempata o equlibrio de forzas entre o PP (12 deputados) e o goberno bipartito (formado, cando Tomé marche do grupo, por 9 socialistas e 3 deputados do BNG).
Se o novo candidato ou candidata non fose aceptado polo aínda presidente, podería repetirse a escena do ano 2015 cando Manuel Martínez, elixido deputado polo PSdeG, se negou a apoiar o candidato socialista, dándolle a presidencia da Deputación á popular Elena Candia.
A medida tomada "voluntariamente", como dixo Tomé, por parte dos concelleiros de Monforte de abandonar o PSOE e acompañalo no seu paso a non adscrito, prevese que non sexa secundada polos deputados provinciais.
Respecto diso, algúns deles, consultados por Europa Press, como Carlos López, alcalde da Fonsagrada, e Francisco Cajoto, alcalde de Foz, confirmaron que manterán a súa afiliación. Sobre o resto, que aínda non se pronunciou, desde o Grupo Provincial afirman que non se espera que ningún deixe o PSOE para seguir o exemplo de Tomé.
Situación no concello de Monforte
En canto ao futuro do Concello de Monforte, polo momento descoñécese a data na que terá lugar o pleno extraordinario onde se fará efectivo o paso de Tomé a non adscrito.
Deste xeito, Tomé continuará como alcalde, pero fóra das filas socialitas, unha marcha do partido que tamén deberán cursar todos os concelleiros que abandonen con el o Grupo Municipal Socialista. Pola contra, o partido tería que proceder á súa expulsión.
Ferraz convoca este venres ás responsables de Igualdade do PSOE nunha reunión presencial
A secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, e a secretaria de Igualdade, Pilar Bernabé, convocaron este venres 12 de decembro a todas as responsables de Igualdade do partido a unha reunión presencial na sede do partido na rúa Ferraz ante os distintos casos de acoso nas filas socialistas.
Antes da reunión ás 11.30 horas, Torró ofrecerá unha rolda de prensa na mesma sede de Ferraz, na súa primeira intervención pública tras o estalido desta crise. Nela preentará o informe sobre as denuncias por suposto acoso sexual contra o ex dirixente socialista e ex asesor de Moncloa Francisco Salazar.
As presuntas denuncias
Na xornada do mércores, Ferraz confirmou que tiña unha denuncia por "comportamentos machistas" contra Tomé, despois de que un programa da canle de televisión Cuatro asegurase que había polo menos seis.
Destas denuncias, que se cursan a través dunha canle externa habilitada por Ferraz, o PSdeG asegurou non ter constancia.
Tomé reiterou en varias ocasións que todo o comentado no programa é falso e que non houbo acoso sexual a ningunha muller. Con todo, si sostivo que podería tratarse de "algunha broma que puido malinterpretarse" aínda que apuntou a unha "loia" todo o acontecido, xa que non existe polo momento, segundo aclaran desde o partido, ningunha denuncia pola vía penal contra José Tomé por acoso sexual.
Polo momento, este xoves, Tomé rexeitou facer ningún tipo de declaración pública sobre nada relacionado co caso e mantivo reunións a porta pechada durante toda a mañá, algunhas delas cos seus colaboradores máis próximos, pero o mércores asegurou que emprenderá accións legais contra os que deron luz a estas denuncias.