Rueda acusa o BNG de "negacionismo industrial" e promete traballar para conseguir investimentos
Pontón afirma que a Xunta non ten proxectos estratéxicos e dille ao presidente: "Apostou por unha carta contaminada e perdeu derrotado pola cidadanía"
Besteiro responsabiliza a Alfonso Rueda dos problemas de acceso á vivenda que existen en Galicia: "Durante dezasete anos non fixeron absolutamente nada"
Representantes do PSdeG e o Bloque despregaron pancartas co lema de "Non á guerra" nun pleno que arrincou cun minuto de silencio polas vítimas do terrorismo
Rueda aclara: "Aquí dicimos non á guerra, si aos compromisos internacionais e non ás conveniencias persoais do presidente do Goberno"
Alfonso Rueda asegura que a súa responsabilidade como presidente da Xunta é conseguir veñan industrias a Galicia. Así llo trasladou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apenas vinte catro horas despois de que o PP impedira cos seus votos a creación dunha comisión de investigación parlamentaria sobre Altri.
A líder nacionalista dille a Rueda que "apostou por unha carta contaminada e perdeu derrotado pola cidadanía galega". Pontón acusa o presidente de pretender "vingarse" do BNG vetando a proposta do Bloque para vicevaledor do pobo, e pregúntalle ao xefe do Executivo galego polos 3.000 millóns de euros en investimentos anunciados durante o seu discurso de investidura.
Rueda asegura que dous de cada tres reclamacións que entran na Xunta relacionadas coa política indstrial proveñen de plataformas afíns ao Bloque e acusa o principal partido da oposición de practicar "negacionismo industrial": "Eu teño unha responsabilidade como presidente da Xunta de conseguir que veñan industrias a Galicia e vostede ten unha misión para que non veña nada".
O voceiro do Grupo Socialista pídelle explicacións ao presidente da Xunta polas dificultades da cidadanía galega para acceder a unha vivenda. Afirma que en dous anos o número de demandantes no rexistro de vivenda protexida duplicouse: pasouse de 15.000 a 31.000 e acusa o Goberno galego de falta de planificación: "Durante dezasete anos non fixeron absolutamente nada", asegura José Ramón Gómez Besteiro.
O presidente indica que o problema da vivenda é un problema global, e acusa o Goberno central de propaganda e de achegar "cero euros" a políticas de vivenda en Galicia, e ironiza: "Se a vivenda é competencia exclusiva das comunidades autónomas, entón Casa 47, a Sareb e o Ministerio de Vivenda son propaganda", dille a Besteiro.
O Parlamento galego garda un minuto de silencio polas vítimas do 11M
O pleno arrincou cun minuto de silencio en recordo as vítimas dos ataques terroristas en España do 11 de marzo de 2004 coincidindo ademais co Día europeo en recordo as vítimas do terrorismo.
O portavoz do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, tivo en recordo para as vítimas destes ataques e os seus familiares e lamentou que os grupos parlamentarios non conseguiran poñerse de acordo para consensuar unha declaración institucional en "defensa unánime da paz", en relación aos ataques e contraataques entre os Estados Unidos, Israel a Irán.
Segundo dixo, "toca defender a paz, a liberdade e loitar contra calquera tipo de violencia, proceda de onde proceda". A portavoz nacional do Bloque limitouse a sinalar que o seu grupo é do "non á guerra", amosando -igual que os deputados e deputadas socialistas- pancartas con este eslogan.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o minuto de silencio era polas vítimas do 11M nunha data en que se conmemora tamén o Día Europeo en Recordo das Vítimas do Terrorismo e, dirixíndose á bancada nacionalista, espetou: "Dígollo ao BNG, (é por todas) as vítimas do terrorismo, polo tanto tamén do terrorismo da ETA en España, unha banda que matou moitos galegos", afirmou.
Rueda aclara: "Aquí dicimos non á guerra, si aos compromisos internacionais e non ás conveniencias persoais do presidente do Goberno".