Levantan o segredo de sumario do crime do garaxe de Rosalía de Castro
O empresario vigués Manuel Salgado faleceu no ano 2004 tras recibir un tiro na cabeza

O xulgado acaba de levantar o segredo de sumario do crime do garaxe de Rosalía de Castro, en Vigo, en que un empresario falecera no ano 2004 tras recibir un tiro na cabeza.
Unha decisión crucial para que se reactive a investigación do crime de Manuel Salgado. Unha vez levantado ese segredo de sumario que pesaba desde novembro de 2021, poderíanse citar novos investigados, se o xuíz o considera oportuno.
Durante a reapertura, o grupo de Homicidios da Policía Nacional de Madrid centrouse en interrogar persoas que xa prestaran declaración no seu momento, incluídos os dous fillos da vítima, que achegaron novos datos.
Os investigadores insisten na tese dun suposto sicario. O empresario Manuel Salgado falecera tras recibir un disparo na cabeza cando acababa de aparcar o seu vehículo no garaxe. Foi o 2 de abril de 2004.
Os novos investigadores chegaron de novo á conclusión de que o cerebro do crime está no círculo máis próximo.