Relacionan o asasinato de Carballo a mans de sicarios con outro en Barcelona
En decembro pasado os Mossos d'Esquadra detiveron dous homes acusados e cometer outro asasinato na Cidade Condal co mesmo modus operandi

Mesma forma de actuar e mesmo resultado. Dous homes entran nun bar e executan o seu propietario. As dúas vítimas teñen vínculos co narcotráfico. Tras o asasinato os autores foxen. Un ocorreu en Barcelona en decembro de 2023 e outro un ano despois en Carballo.
As forzas de seguridade relacionan os dous crimes, logo de que os autores fosen detidos, no caso de Carballo hai escasos días, e no de Barcelona hai xa cinco meses, pero non é ata o de agora que transcendeu o arresto dos sospeitosos.
Segundo publica este mércores o xornal El Periódico de Catalunya, os investigadores encontran vínculos entre os dous crimes, entre outras cousas tras examinar o móbil dun dos detidos. Cren que se trata de asasinatos encargados por axustes de contas, e que podería haber outros casos en España que impliquen a mesma banda.
Crime en Barcelona
O primeiro dos asasinatos que se investiga ocorreu na Noiteboa de 2023. Foi nun bar do barrio do Poble Sec de Barcelona. Un home entra no local e dispáralle ao dono, de 32 anos. Estaba sentado nunha mesa e morreu practicamente no acto.
Unha vez cometido o crime, o autor dos disparos escapa nunha moto, conducida polo seu cómplice.
Xa nese momento a principal hipótese dos investigadores era a dun axuste de contas. A vítima tiña relación con bandas de narcotraficantes.
Case un ano despois, deteñen dous sospeitosos en Madrid e L'Hospitalet de Llobregat, pero non é ata o de agora que transcende o seu arresto.
Crime en Carballo
O asasinato en Carballo prodúcese en decembro de 2024, o día 4. Neste caso dous homes entran no bar O Castro e tirotean o seu propietario, quen intenta refuxiarse sen éxito nos baños. Despois do crime foxen do lugar en patinete.
A vítima, José Luis Alvarado, de nacionalidade dominicana, coñecido polo alcume de Chelo el Regidor, tamén tiña un longo historial de relación co narcotráfico.
Os seus supostos asasinos son de nacionalidade colombiana e foron detidos en Madrid e Barcelona, tras unha investigación de máis de cinco meses, nun operativo simultáneo levado a cabo con moitas precaucións debido á perigosidade dos sospeitosos.
Tras pasar a disposición xudicial, os dous detidos ingresaron en prisión por orde do Xulgado de Instrución número 2 de Carballo.
Agora é o momento no que a investigación se fai máis ampla. Segundo a información publicada por El Periódico os sospeitosos dos dous crimes teñen antecedentes por crimes similares cometidos na República Dominicana. Din que teñen unha gran mobilidade para desprazarse tanto por América do Sur como por Europa e cometer estes crimes por encarga.
A investigación permanece aberta para dar coas conexións entre ambos e incluso con outros asasinatos cometidos en España. Amais da conexión que poida haber entre os autores, trátase de dar coa organización que encargou os asasinatos.