Deteñen na Lavacolla unha muller buscada nos Estados Unidos polo asasinato dunha moza venezolana
A detida é Gerelys Sánchez-Reyes, unha dominicana de 28 anos de idade, residente en Filadelfia
A detida levaba tres meses en busca e captura, acusada de acoitelar a Yuleisy Torrelles Martínez, de 21 anos
O corpo da vítima, de nacionalidade venezolana, apareceu o 5 de abril escondido no interior dun sofá cama, no seu piso de Filadelfia, tras levar tres días desaparecida
A Policía Nacional detivo a pé de pista no aeroporto da Lavacolla a unha muller que estaba en busca e captura nos Estados Unidos por asasinato. A detida foi identificada como Gerelys Sánchez-Reyes, unha dominicana de 28 anos, residente en Filadelfia acusada do asasinato de Yuleisy Torrelles Martínez, unha moza venezolana de 21 anos, segundo informa na súa conta da rede social X o Servizo de Marshals dos Estados Unidos en Filadelfia @USMS_Philly
A policía norteamericana emitira unha orde de detención despois de atopar o corpo da vítima escondido nun sofá cama, na súa vivenda de Filadelfia. A familia denunciara a súa desaparición o día 2 de abril e o seu corpo apareceu o 5 de xuño. A asasinada tiña múltiples feridas de arma branca no peito e no pescozo
Segundo explican as autoridades estadounidenses, a vítima foi vista con vida por última vez acompañada de Sánchez-Reyes, tras revisar as cámaras de seguridade.
A acusada escapara para España, onde se sospeita que leva este tempo, e onde agora permanece baixo custodia policial, desde o día 26 de xuño, mentres se xestiona a súa extradición aos Estados Unidos.
A moza venezolana Yuleisy Torrelles foi incinerada e as cinzas enviáronllas a súa familia en Venezuela. A cadea hispana Telemundo púxose en contacto coa nai da vítima tras coñecer a detención da suposta asasina. A nai, Magaly Torrelles, contoulle a Telemundo que agora se sente "un pouco máis tranquila porque detiveron a asasina", agora "ten que pagar polo que lle fixo porque eu non vou volver ver a miña filla".
Tamén deu máis detalles a nai á cadea de televisión sobre como actuou presuntamente a dominicana agora detida:
«Esa rapariga despois do crime tan cruel botou tres días metida no apartamento e meteu a miña filla debaixo dun sofá cama. Ela ía e saía sacando cousas dela e da miña filla e ao terceiro día escapou. Quedou alí co corpo da miña nena. Non sei se era que ela lle tiña envexa á miña filla, pero eu querería saber por que fixo o que fixo. Sempre andaban xuntas e de súpeto a rapariga matoume á miña filla», explicou no programa de televisión.
Ao parecer, as dúas mozas eran moi amigas e traballaban de camareiras no mesmo bar.