Washington e Pequín chegan a un acordo para que TikTok nos EUA pase a mans estadounidenses
Trump fixara o prazo do 17 de setembro para a venda da filial da rede social
O pacto abre a porta a continuar negociacións arancelarias nunha quinta rolda
REUTERS/Maxim Shemetov
O secretario do Tesouro estadounidense, Scott Bessent, confirmou este luns un acordo coa China para que a propiedade de TikTok en Estados Unidos quede baixo control estadounidense, aínda que rexeitou dar detalles da operación.
Bessent explicou que o marco do acordo establece que TikTok pase a ser unha compañía con propiedade controlada polos Estados Unidos, algo que deberán ratificar o venres os presidentes Donald Trump e Xi Jinping.
“Nós puxemos o marco, eles teñen que confirmar o acordo”, indicou ás portas do Ministerio de Asuntos Exteriores en Madrid, onde mantivo unha reunión coa delegación chinesa.
O presidente Trump adiantara minutos antes na súa rede social que había un acordo que ía “encantar” á mocidade estadounidense.
O mandatario fixara o 17 de setembro como prazo límite para que a matriz chinesa de TikTok, ByteDance, vendese a filial da rede social nos EUA, ao considerar inaceptable que o Goberno de Pequín tivese acceso a datos de millóns de cidadáns.
Un acordo ao máis alto nivel
Bessent e o representante de Comercio, Jamieson Greer, subliñaron que o pacto foi posible grazas á intervención directa de Trump e á consideración mutua entre os dous líderes.
“Cando se respectan un ao outro, tamén o fan as delegacións”, apuntaron.
Á marxe deste acordo, Bessent e Greer explicaron que as negociacións arancelarias continuarán cunha quinta rolda de conversas, que se celebrará previsiblemente dentro dun mes, nun lugar aínda por determinar.
A China confirma o "interese mutuo" da decisión
O viceministro de Comercio chinés, Li Chenggang, confirmou este luns o acordo alcanzado cos Estados Unidos sobre TikTok, asegurando que é "de interese mutuo" e que se basea na cooperación e o respecto entre as partes.
"A razón pola que a parte chinesa aceptou un consenso sobre TikTok é porque, en base á nosa avaliación, chegamos á conclusión de que dito consenso é de interese mutuo", dixo Li nunha rolda de prensa durante a súa visita a Madrid.