Publicador de contidos

Publicador de contidos

Touriño, Laxe ou Leiceaga súmanse ao documento crítico polo caso Tomé; Inés Rey criticara o silencio de "homes poderosos" do PSdeG

Touriño, Laxe ou Leiceaga súmanse ao documento crítico polo caso Tomé; Inés Rey criticara o silencio de "homes poderosos" do PSdeG

A alcaldesa da Coruña criticara o silencio dos "homes poderosos" do PSdeG: "Onde están as súas voces feministas?"

Unhas 350 persoas asinan o texto impulsado por mulleres socialistas en apoio á dimisión da que era secretaria de Igualdade, Silvia Fraga

A dirección do PSdeG insiste en que actuaron correctamente

Os expresidentes da Xunta González Laxe e Pérez Touriño, nunha imaxe de arquivo (Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo)
G24.gal 15/12/2025 14:16 Última actualización 15/12/2025 16:56

A xestión do caso Tomé no PSdeG está a convulsionar o partido. A alcaldesa da Coruña estoupa contra o silencio dos homes do partido. 

"Botei en falta as voces dos homes poderosos do meu partido, de cargos públicos e orgánicos", sinalou este luns. "Non vou sinalar a ninguén, é unha reflexión", indicou despois de asinar xunto a outras seis alcaldesas do PSdeG, así como mulleres e homes da formación, un manifesto que lamenta a dimisión de Silvia Fraga como secretaria de Igualdade do partido en Galicia, por mor da xestión da actual dirección fronte ás acusacións por suposto acoso sexual contra o xa expresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte.

"Pedimos explicacións, tolerancia cero co machismo e pedimos protección ás vítimas", resumiu.

De Silvia Fraga destacou a súa "entrega total", o seu labor "intachable" e a súa "defensa" do feminismo. Mentres, admitiu que a incomoda "que se tente desvirtuar o motivo de fondo dunhas denuncias por presunto acoso sexual e machismo, que se poñan en dúbida utilizando supostas interpretacións sobre guerras internas ou sobre a utilización das mulleres politicamente".

Inés Rey lamentou a dimisión de Silvia Fraga Inés Rey lamentou a dimisión de Silvia Fraga

"Ademais de ser falso, é outra maneira de machismo, é tapar as denuncias, deslizar que esas denuncias poden estar a ser inventadas ou manipuladas e abonarse a unha teoría da conspiración que non ten nin pés nin cabeza", recalcou.

350 homes e mulleres do PSdeG asinan un manifesto crítico coa dirección polo caso Tomé

Horas despois destas declaracións de Inés Rey, decenas de homes socialistas, entre alcaldes, exdeputados e militantes, incorporáronse ao manifesto crítico coa dirección do PSdeG polo caso José Tomé e en apoio a Silvia Fraga.

O documento supera xa as 350 sinaturas. Entre os asinantes figuran os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño Fernando González Laxe, o exvoceiro parlamentario do PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga e o alcalde de Ames, Blas García, que xa cuestionara publicamente a actuación da dirección a semana pasada. Na lista figuran aproximadamente un cento de homes, entre eles históricos como o ex alcalde coruñés Javier Losada, Ricardo Varela ou Francisco Cerviño.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, valorou positivamente a iniciativa e asegurou que ata agora se botara en falta o respaldo dos homes con peso orgánico no partido.

No manifesto, os asinantes subliñan que “non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo”.

Desde a “lealdade ao partido”, reclaman esclarecer os feitos, protexer as vítimas e preservar a integridade das institucións.

Defenden unha actuación “firme, transparente e coherente” como única vía para manter a confianza cidadá e demostrar que “non hai espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres”.

O texto sinala que causa "estupor, vergoña e unha inevitable desafección co partido" as denuncias de acoso sexual presentadas na canle interna do PSOE "contra cargos institucionais e orgánicos socialistas", aínda que non se refire en particular a ningún dos varios casos que se foron coñecendo ultimamente.

Pontón cre que o PSdeG debe resolver a situación no partido

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou este luns que o PSdeG debe “resolver” a situación no seu partido tras as críticas internas a como actuou ante a denuncia interna por acoso sexual contra José Tomé, aínda que lamentou o “carroñeirismo político” do PP respecto diso.

En declaracións aos medios, a dirixente do Bloque sinalou que espera que dimita de todos os seus cargos e non só como presidente da Deputación de Lugo, porque “non pode haber impunidade” ante estes feitos Insistiu en que o compromiso do seu partido é “tolerancia cero ante casos de agresión sexual” nos que se debe acompañar ás mulleres e ofrecerlles “unha resposta rápida, porque creo que estamos a falar de algo moi importante e onde, evidentemente, actuar con rapidez e poñerse de lado ás vítimas desde o primeiro minuto é a única resposta e a única saída posible”.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade