Publicador de contidos

Publicador de contidos

Son xa 170 as mulleres de PSdeG asinantes dun manifesto en contra da xestión do caso Tomé

Son xa 170 as mulleres de PSdeG asinantes dun manifesto en contra da xestión do caso Tomé

Apoian a Silvia Fraga, que dimitiu do seu cargo como secretaria de Igualdade por discrepancias sobre como se xestionou a crise

"Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo", aseguran

Entre as asinantes figuran a alcaldesa da Coruña, a vicepresidenta da Fegamp e dúas exsubdelegadas do Goberno 

EFE/Pedro Eliseo Agrelo Trigo EFE/Pedro Eliseo Agrelo Trigo
G24.gal 15/12/2025 11:08

Xa son 170 as mulleres socialistas que asinaron un manifesto aberto "polo feminismo no PSdeG-PSOE" e en apoio da súa compañeira Silvia Fraga, que dimitiu do seu cargo como secretaria de Igualdade por discrepancias sobre como se xestionou o caso da denuncia interna por acoso sexual contra José Tomé, exlíder do partido en Lugo.

"Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo", conclúen no seu manifesto, que está apoiado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outras rexedoras municipais, entre as case duascentas mulleres que rubrican o texto.

Desde a "lealdade ao partido", defenden a necesidade de esclarecer os feitos, protexer as vítimas e preservar a integridade das institucións, polo que reclaman "unha actuación firme, transparente e coherente" como a única que permitirá manter a confianza cidadá e demostrar que "non ha espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres".

No texto, destacan que os feitos coñecidos de acoso e denuncias presentadas na canle interna "causan estupor, vergoña e desafección" cun partido que "ten o feminismo gravado na súa alma" e advirten que ante a dimisión de Fraga non poden estar "impasibles", despois do "traballo exemplar" que desenvolveu.

Reclaman "transparencia na resolución destas denuncias" e que se garantan "procesos rigorosos centrados sempre na protección das vítimas", cunha resposta "rápida, clara e contundente" que se basee na "exemplaridade e a responsabilidade política" sobre todo de quen ocupa cargos orgánicos.

"A tolerancia cero non é un lema, é unha esixencia democrática que non admite excepcións nin matices, e forma parte irrenunciable dos valores socialistas", advirten.

Á parte de lamentar a dimisión de Fraga, que cualifican como "un acto de compromiso feminista", defenden o seu traballo e a súa traxectoria fronte ao que, aseguran, son "informacións ou interpretacións que se pretenden deslizar e que non se corresponden coa verdade nin coa maneira de Silvia de entender e vivir a política e o feminismo".

Ademais da alcaldesa da Coruña, tamén asina o documento a rexedora de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, así como as alcaldesas de Maceda, Guitiriz, Meis ou a Pobra de Trives, xunto a decenas de portavoces nos concellos.

Así mesmo, súmanse as exsubdelegadas do Goberno na Coruña María Rivas López e Pilar López Riobóo; a exsecretaria de Estado de Igualdade no goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, Laura Seara; ou a secretaria Xeral da FEGAMP e exdeputada autonómica, Patricia Vilán. 

Iglesias apoia á dirección, pero ve aspectos a mellorar no protocolo de denuncias PSdeG

A deputada do PSdeG Patricia Iglesias apoiou este luns a actuación da dirección do partido no caso das denuncias por acoso sexual contra o expresidente da Deputación provincial de Lugo e líder dos socialistas nesa provincia José Tomé, aínda que recoñeceu que hai aspectos "a mellorar" no protocolo de denuncias interno da formación.

Iglesias, que concorreu como independente nas filas do PSdeG nas eleccións de febreiro de 2024 e é próxima á dirección actual, aludiu deste xeito ao manifesto subscrito por 170 mulleres do seu partido.

A deputada socialista expresou o seu respecto cara todas elas e apuntou que, incluso "podendo estar de acordo con o seu contido", "por parte da dirección déronse todas as explicacións". "24 horas é moito tempo? Non o creo. Actuouse con contundencia e inmediatez", defendeu Iglesias.

Iglesias mostrou o apoio incondicional do PSdeG ás vítimas de calquera tipo de conduta machista "afecte a quen afecte". Recoñeceu que "cando algo está en marcha pódese mellorar, perfeccionar", pero engadiu que, "o importante é que estean (os protocolos) e que se activen". Por iso animou ás mulleres vítimas "a denunciar sempre, absolutamente sempre", xa que é o mecanismo para iniciar os procesos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade