Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE imporá finalmente unha taxa de 3 euros para paquetes de Temu ou Shein

A UE imporá finalmente unha taxa de 3 euros para paquetes de Temu ou Shein

Os países da Unión Europea acordaron este venres a imposición dunha taxa de 3 euros para os paquetes de menos de 150 euros que chegan ás aduanas a través de comercios en liña como Shein ou Temu

A medida imporase en 2028 e ten como propósito un maior control dos contidos deste tipo de importacións 

Vinte detidos en Francia por mercar bonecas sexuais en plataformas chinesas de venda en liña

O logo de Shein aberto nun teléfono mentres o servizo web está aberto no portátil detrás deste. Monika Skolimowska /EuropaPress. O logo de Shein aberto nun teléfono mentres o servizo web está aberto no portátil detrás deste. Monika Skolimowska /EuropaPress.
G24.gal 12/12/2025 13:30

Os países da Unión Europea acordaron este venres impoñer unha taxa de tres euros a partir do 1 de xullo de 2026 aos paquetes de menos de 150 euros que chegan ao bloque, sobre todo desde China e a través de comercios en liña como Temu ou Shein.

O obxectivo é atallar a avalancha deste tipo de envíos, que se triplicaron desde 2022 ata os 4.600 millóns de paquetes en 2024, o que dificulta que as autoridades aduaneiras poidan controlar o seu contido e abre a porta a produtos que non cumpren as normas europeas e xeran unha competencia desleal para os fabricantes comunitarios.

Os ministros de Economía e Finanzas dos Vinte e sete acordaron o mes pasado eliminar a exención de dereitos de aduana da que se benefician desde 1983 os paquetes que non superan os 150 euros, pero esta medida non entrará plenamente en vigor ata que estea en funcionamento o centro de datos unificado da UE en 2028.

Para os socios isto supoñía un excesivo atraso para atallar un problema que ven urxente, polo que pactaron este mecanismo temporal que lles permitirá gravar xa desde o próximo 1 de xullo eses paquetes ata que se aplique o sistema definitivo.

En concreto, a nova taxa aduaneira impoñerase a todas as mercadorías que entren a UE procedentes de vendedores extracomunitarios rexistrados no portelo único europeo do IVE para importacións, polo que cubrirá "o 93 % de todos os fluxos de comercio en liña cara á UE", segundo explicou o Consello da UE.

A medida, con todo, é diferente á taxa de xestión de dous euros que a Comisión Europea ha proposto tamén aplicar aos paquetes que cheguen ao bloque, que aínda non foi aprobada.

Os Estados tiñan hoxe sobre a mesa dúas opcións para o gravame transitorio: aplicar unha taxa proporcional ao valor dos bens ou unha cota fixa igual para todos, como expuxera Francia.

Finalmente, os socios optaron pola proposta de París, que está a abandeirar as iniciativas para facer fronte na UE aos xigantes chineses do comercio en liña. "É unha gran vitoria para a Unión Europea. Europa actúa concretamente para protexer o seu mercado único, aos seus consumidores e a súa soberanía", celebrou o seu ministro de Economía, Roland Lescure, quen lembrou que Francia xa prevé aplicar a nivel nacional unha taxa de xestión de dous euros a estes paquetes que, de ser aprobada polo parlamento galo, podería sumarse á europea acordada hoxe.

Pola súa banda, o ministro de Economía español, Carlos Corpo, expresou antes da reunión o seu apoio para adiantar o gravame aos envíos de baixo valor para "controlar o fluxo deste tipo de produtos".

A Comisión Europea calcula que un 91 % dos 12 millóns de paquetes de menos de 150 euros que chegan diariamente á UE proceden de China, e atribúe o seu aumento ao "crecemento exponencial" de comercios en liña como Temu ou Shein, que gañaron millóns de consumidores na UE grazas a unha "penetrante publicidade en liña, prezos baixos e envíos ultra-rápidos".

Esta chegada masiva de paquetes directamente ao consumidor aumenta o risco de que entren produtos falsificados ou inseguros, distorsiona a competencia cos fabricantes europeos, que deben cinguirse ás normas comunitarias e pagan impostos cando importan en grandes cantidades, á vez que prexudica ao medio ambiente e préstase á fraude, advirten as institucións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade