A DXT pon en funcionamento dous novos radares, en Carral e Vigo
Os novos radares, un na N-550 en Carral e outro na VG-20 en Vigo, xa están operativos, aínda que no primeiro mes non multarán, pero avisarán os condutores que superen o límite
Galicia suma 226 cinemómetros en toda a rede viaria
A velocidade inadecuada está detrás do 24 % dos accidentes mortais. Tan só o ano pasado en Galicia unhas 20 persoas morreron por este motivo. De aí que a DXT continúe coa súa campaña de implantación de novos cinemómetros.
Galicia suma xa 226 total, dous deles son novos. Un na VG-20 que circunvala a cidade de Vigo nun tramo de baixada en dirección ao hospital Álvaro Cunqueiro. O outro no concello coruñés de Carral na Nacional 550.
Como sempre que se instala un novo, empeza o debate sobre a súa intencionalidade.
"Quero antepoñer sempre a prevención antes que a sanción". "Para cumprir as normas de vez en cando hai que obrigarnos e se non o facemos por vontade, pois teñen que ser medidas coercitivas". "Un sitio de dobre carril tiña e a xente pois aceleraba, adiantaba, claro". "Ao final hai que previr riscos e eu creo que a xente cando lle vai ao peto aí si que preveñen", comentan varios veciño de Carral.
Este de Carral limita a velocidade a 70. Está situado no punto quilométrico 15, un lugar cun historial de sinistros que os de alí non esquecen.
"Si, a min sobre todo un, un cliente que se matou aí", apunta outro.
Durante este primeiro mes ningún dos dous novos radares multarán, iso si a DXT mandará avisos por carta cos excesos de velocidade. Insisten en que a intención non é recadatoria.
"Despois de todas as veces que non levan avisado alí cos carteis e todo creo que sería un pouco de xénero parvo que te pillaran, non?, conclúe unha rapaza.