Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón reunirase o martes co comisario europeo de Agricultura para abordar o acordo con Mercosur

Pontón reunirase o martes co comisario europeo de Agricultura para abordar o acordo con Mercosur

A líder do BNG trasladará a Hansen a posición do seu partido en contra dun acordo que "supón deixar aos produtores galegos,  nunha situación de indefensión"

Ese mesmo día, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén ten axendada unha cita co comisario europeo de Agricultura 

Imaxe de arquivo de Ana Pontón e Ana Miranda Imaxe de arquivo de Ana Pontón e Ana Miranda
G24.gal 01/03/2026 17:01 Última actualización 01/03/2026 17:13

A líder do BNG, Ana Pontón, reunirase o martes en Bruxelas co comisario europeo de Agricultura e Alimentación para abordar o acordo de libre comercio con Mercosur e a súa repercusión en Galicia, unha cita que tamén ten axendada o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ese mesmo día.

Pontón prevé entrevistarse co luxemburgués Christophe Hansen xunto á eurodeputada Ana Miranda, segundo informa o BNG nun comunicado.

No encontro, que se celebrará na sede da Comisión Europea, a líder dos nacionalistas galegos trasladará a Hansen a posición do seu partido en contra dun acordo que "supón deixar aos produtores e ás produtoras galegas, especialmente ás de carne, nunha situación de indefensión, obrigándolles a competir en desigualdade de condicións".

"A produción nos países do Mercosur realízase con estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal menos estritos que os que se aplican aos nosos produtores, e iso supón vantaxes á hora de competir porque teñen menos custos, o que lles permite abaratar prezos", indicou Pontón.

Así, advertiu de que, "nunha Galicia na que predominan explotacións de tamaño medio, unha caída do prezo pode supoñer a diferenza entre viabilidade ou peche".

O BNG lembra que, "a diferenza das forzas estatais —PP e PSOE—, votou en contra do acordo na Eurocámara".

"Desde o BNG compartimos as críticas e as preocupacións do sector agrogandeiro #ante este acordo e por iso estamos en contra da súa aplicación; somos coherentes tanto no Parlamento galego como no Congreso e en Bruxelas, porque queremos un rural vivo e produtivo", indicou a portavoz nacional do Bloque.

Pontón incidiu en que "non se poden poñer en marcha acordos que ameazan a supervivencia de miles de explotacións" e demandou aos gobernos nacional e autonómico que "rectifiquen e póñanse ao lado dun sector estratéxico para Galicia" ante un acordo que cualificou de "nefasto" para o sector galego.

A nacionalista manterá tamén unha reunión co Grupo Alianza Libre Europea (ALE), do que forma parte o BNG na Eurocámara.

Rueda tamén verá a Hansen o martes

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén anunciou que o martes se citará con Hansen para trasladarlle a postura común acordada en Galicia coas organizacións profesionais agrarias Asaga e Unións Agrarias sobre o acordo, e pediu "salvagardas claras, áxiles e reforzadas" para protexer ao sector.

Rueda reclamou que "todos os controis e salvagardas funcionen desde o primeiro momento, tanto en orixe como nas fronteiras" de Europa.

O presidente autonómico tamén participará no pleno do Comité Europeo das Rexións, onde demandará que o novo marco financeiro teña ás rexións no centro e dispoña de fondos específicos suficientes para a Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos