Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump asegura que os novos líderes de Irán se amosan dispostos a negociar

Trump asegura que os novos líderes de Irán se amosan dispostos a negociar

O presidente dos EUA di que a operación contra Teherán, bautizada como Furia Épica, vai máis rápido do previsto

Dende o inicio da ofensiva, morreron tres militares estadounidenses e, en territorio israelí, nove persoas

O republicano ameazara cunha "forza nunca vista" se Irán cumpría a súa vinganza pola morte de Khamenei

 

directo Un F/A-18E engala dende o portaavións Lincoln. Armada dos EUA vía REUTERS
G24.gal 01/03/2026 16:56 Última actualización 01/03/2026 20:06

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, afirmou este domingo que está disposto a negociar co novo liderado iraniano, tras a morte do líder supremo da República Islámica, o aiatolá Ali Khamenei, no ataque conxunto de Israel e os Estados Unidos contra o país.

"Queren falar, e accedín a facelo, así que falarei con eles", declarou nunha entrevista telefónica coa revista estadounidense The Atlantic.

O republicano, que anunciou o ataque o sábado tras dar por fracasadas as negociacións nucleares con Teherán, afirmou que Irán tardou demasiado en querer chegar a un acordo.

"Deberían facelo antes. Deberían facer antes o que era moi fácil de facer. Esperaron demasiado", dixo.

O mandatario estadounidense non detallou cando comezarían as novas conversas e subliñou que algúns dos líderes cos que se negociou ata o de agora faleceron.

Noutra entrevista coa cadea estadounidense CBC, o republicano afirmou que a operación contra Irán, bautizada como Furia Épica, vai máis rápido do previsto.

Columnas de fume en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Columnas de fume en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Baixas estadounidenses

Nas últimas horas, o Comando Central do Exército dos EUA (Centcom) informou das baixas da operación Furia Épica para acabar co réxime iraniano. Dende o inicio da contenda, tres militares perderon a vida e outros cinco quedaron feridos de gravidade.

Non ofreceu detalles das circunstancias dos falecementos e, por respecto ás familias, non revelará as identidades das vítimas ata que transcorran 24 horas dende a notificación ás persoas achegadas. 

"Tres militares estadounidenses morreron en acción e cinco resultaron gravemente feridos como parte da operación Furia Épica.  Varios outros sufriron feridas leves por metralla e conmocións cerebrais e están en proceso de reincorporarse ao servizo. As operacións de combate importantes continúan e o noso esforzo de resposta segue en marcha", engadiu.

Os bombardeos conxuntos dos Estados Unidos e Israel contra Irán comezaron este sábado cunha primeira ofensiva na que morreu o aiatolá Ali Khamenei e boa parte da cúpula militar persa. Este domingo, continuaron con varias ondadas de ataques sobre Teherán.

A República Islámica prometeu vingar a morte do seu líder supremo e, ata o momento, atacou os Emiratos Árabes Unidos, Qatar, Barhein e Kuwait, entre outros aliados de Washington onde a potencia norteamericana mantén bases militares.

Trump en Mar-a-Lago durante a ofensiva. A Casa Branca/REUTERS Trump en Mar-a-Lago durante a ofensiva. A Casa Branca/REUTERS

Guerra encuberta

Donald Trump, que se atopa na súa residencia privada de Mar-a-Lago, en Florida, anunciou o lanzamento da operación para derrocar o réxime malia que Washington e Teherán mantiñan negociacións para un novo pacto nuclear.

O mandatario estadounidense, que fixo campaña no 2024 coa promesa de manter os Estados Unidos afastados das guerras exteriores, recoñeceu no seu anuncio que podería haber baixas de "valentes heroes estadounidenses".

A oposición demócrata denuncia falla de información previo e acusa o Goberno de iniciar unha guerra encuberta sen a autorización do Congreso, órgano que ten a potestade de aprobar unha intervención bélica no exterior.

Ataque iraniano en Beit Shemesh. REUTERS/Ammar Awad Ataque iraniano en Beit Shemesh. REUTERS/Ammar Awad

O portaavións Lincoln "non foi alcanzado"

O Centcom desmentiu ademais que o portaavións USS Abraham Lincoln fora alcanzado por catro mísiles iranianos, tal e como indica un comunicado da Garda Revolucionaria Islámica recollido pola axencia oficial IRNA.

"Tras as accións das Forzas Armadas de Irán e o ataque a obxectivos dos inimigos, os Estados Unidos e Israel, o portaavións militar estadounidense Abraham Lincoln foi alcanzado por catro mísiles balísticos", asegura a nota.

Na súa conta de X, as forzas armadas estadounidenses aseguran que é "MENTIRA".

"O Lincoln segue lanzando avións en apoio da incansable campaña do CENTCOM para defender o pobo estadounidense eliminando as ameazas do réxime iraniano".

O USS Abraham Lincoln é un portaavións nuclear da clase Nimitz, que navega acompañado do seu grupo de combate, composto por tres destrutores equipados con mísiles para ataque terrestre.

É o segundo buque portaaeronaves despregado polos Estados Unidos na zona, xunto ao USS Gerald Ford, o maior buque deste tipo no mundo, que viaxa con catro destrutores.

O destrutor de mísilesThomas Hudner. Armada dos EUA vía REUTERS O destrutor de mísilesThomas Hudner. Armada dos EUA vía REUTERS

Lanzamísiles balísticos

Pola súa banda, o Exército hebreo informou este domingo da destrución do 50% dos lanzamísiles balísticos de Irán, aproximadamente 200, e da inutilización de varias ducias máis tras desmantelar a planta central de produción de explosivos de Irán.

Tamén atacou catro instalacións utilizadas para a produción de motores e outras pezas "fundamentais da industria armamentística" con "resultados significativos que reduciron as ameazas", asegura nun comunicado.

Entre elas, había fábricas de sistemas antitanque avanzados e infraestruturas tecnolóxicas "únicas" que, segundo Israel, poderían atrasar "anos os procesos de investigación e desenvolvemento de armas" en Teherán.

Tras a morte de Ali Khamenei, faleceron nove persoas na resposta con mísiles en territorio xudeu. En Irán, o ataque contra unha escola feminina de primaria na localidade de Minab, deixa 148 vítimas mortais, a maioría delas nenas.

A Media Lúa Vermella iraniana denunciou este domingo que forzas estadounidenses e israelís están a bombardear a súa sede en Teherán. 

Edificios destruídos en Beit Shemesh (Israel). REUTERS/Ilan Rosenberg Edificios destruídos en Beit Shemesh (Israel). REUTERS/Ilan Rosenberg

Suspensión da circulación en Ormuz

As navieiras Maersk e Mediterranean Shipping Company (MSC) anunciaron este domingo a suspensión temporal da circulación polo estreito de Ormuz, vía estratéxica para o transporte marítimo global, ante o incremento das tensións en Oriente Próximo.

Nun comunicado, Maersk, unha das maiores compañías de transporte de contedores do mundo, explicou que a decisión se manterá ata novo aviso, o que podería provocar atrasos, desvíos ou axustes de horarios nos servizos que fan escala en portos do Golfo Pérsico.

Ademais, a compañía anunciou a reconfiguración das súas rutas tradicionais a través de Bab o Mandeb e a Canle de Suez, priorizando a seguridade da súa tripulación.

Segundo Maersk, unha vez que a situación de seguridade se estabilice, continuará priorizando a ruta Trans‑Suez, considerada a forma máis rápida, sostible e eficiente para conectar Asia, Oriente Medio, Europa e a costa este dos Estados Unidos.​​​​​​

Vista aérea do estreito de Ormuz nunha imaxe de arquivo. REUTERS Vista aérea do estreito de Ormuz nunha imaxe de arquivo. REUTERS

Pola súa banda, MSC tamén suspendeu as súas operacións no estreito de Ormuz. A compañía asegurou que seguirá de preto a evolución da situación e colaborará coas autoridades competentes.

Ademais, asegurou que as reservas se renovarán unha vez as condicións de seguridade o permitan.

As medidas adoptadas por ambas as dúas navieiras prodúcense tras a intensificación do conflito na zona e despois de que, na véspera, a Garda Revolucionaria de Irán dixera que o tránsito polo estreito xa non é seguro.

O fume elévase tras unha explosión en Teherán. REUTEURS O fume elévase tras unha explosión en Teherán. REUTEURS

Atacada a a televisión estatal iraniana nos bombardeos 

A televisión estatal iraniana foi atacada este domingo por Estados Unidos e Israel, informou o propio medio público, que nun primeiro momento asegurou que seguía emitindo pero despois perdeuse o sinal e pediu aos usuarios que sintonizasen de novo as súas canles..

“Fai uns momentos partes da sede da Radio e Televisión de Irán foron branco de ataques sionista-estadounidenses”, indicou a radiotelevisión pública iraniana (IRIB) na súa Telegram.

A axencia EFE observou fume sobre os edificios de IRIB, que xa foi atacada na guerra dos 12 días do pasado xuño nun bombardeo no que morreron dous xornalistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade