Bruxelas aproba crear un punto de coordinación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal
O obxectivo desta iniciativa é resolver atrancos administrativos ás persoas que desenvolven a súa vida a ambos lados da raia
Contará cun investimento de 120.000 euros e durará 12 meses
Ponte internacional de Tui
A Comisión Europea deu luz verde a creación dun punto de coordinación transfronteirizo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que permitirá ofrecer respostas "prácticas e estruturadas" ás persoas que viven, estudan ou traballan a ambos os dous lados da fronteira.
A Consellería de Presidencia informou este xoves de que o proxecto, presentado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da eurorrexión e aprobado no marco do programa BRIDGEforEU, terá unha duración de 18 meses e un investimento de 120.000 euros cofinanciado pola CE.
É o único proxecto elixido ao longo da fronteira
É un dos 15 proxectos aprobados a nivel europeo e o único elixido ao longo da fronteira entre España e Portugal nesta convocatoria.
"O obxectivo é ofrecer respostas prácticas e estruturadas a situacións reais que afectan as familias e persoas que desenvolven a súa vida persoal, educativa ou profesional a ambos os dous lados da fronteira", explicou a Consellería de Presidencia.
Este mecanismo destinarase a identificar obstáculos legais e administrativos; rexistrar e atender as queixas da cidadanía derivadas do efecto fronteira; coordinar solucións entre administracións públicas, empresas e axentes sociais, e propoñer fórmulas que contribúan ao reforzo da cohesión territorial europea.