Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe reforzará o Eixo Atlántico con máis prazas e servizos a partir do 15 de outubro

Renfe reforzará o Eixo Atlántico con máis prazas e servizos a partir do 15 de outubro

O operador incrementará en máis dun 24 % as prazas Vigo-Santiago-A Coruña e nun 6 % a oferta Avant Ourense-Santiago-A Coruña

Trens en Santiago (Arquivo/Europapress) Trens en Santiago (Arquivo/Europapress)
G24.gal 02/10/2026 11:34 Última actualización 02/10/2026 12:06

Renfe anunciou a posta en marcha, a partir do 15 de outubro, o chamado Plan Galicia, para mellorar a mobilidade dos viaxantes recorrentes dos servizos de Media Distancia Vigo-Santiago-A Coruña e os Avant Ourense-Santiago-A Coruña.

Así, o operador de transporte ferroviario xa sinalou que se reforzará o servizo en horas e días punta, "con máis opcións de viaxe para os desprazamentos cotiáns por motivos laborais, académicos ou privados, con novos servizos, trens con máis prazas e axustes horarios".

Deste xeito, sinalou que a incorporación ao Servizo Público de trens de maior capacidade, así como a programación de novas circulacións, permitirán incrementar en máis dun 24 % as prazas Vigo-Santiago-A Coruña. A iso súmase un aumento do 6 % na oferta Avant Ourense-Santiago-A Coruña.

Desde o próximo 15 de outubro, o servizo 9073 A Coruña-Vigo, con saída ás 7:00 horas, pasará a realizarse con material S106 (máis de 500 prazas por tren), mellorando a oferta de primeira hora da mañá. Ademais, créase un novo servizo Vigo Urzáiz-A Coruña ás 9:00 horas, con máis de 500 prazas ofertadas.

Tamén se substituirán por material S106 os convois dos servizos 9123 A Coruña-Vigo Urzáiz e 9132 Vigo Urzáiz-A Coruña, cuxas saídas se adiantan ás 11:30 horas e as 13:15 horas, respectivamente. O tren 9083 A Coruña-Vigo Urzáiz, con saída ás 8:00 horas, tamén verá incrementada a súa capacidade grazas á circulación en dobre composición, o que permite reforzar outro dos trens con maior utilización da xornada.

Para reforzar as prazas e o horario de primeira hora tamén se aproveitarán as sinerxías coa AVE 4464 das 6:00 horas da mañá que parte desde Vigo dirección Madrid, que pasará a ofertar prazas de media distancia entre Vigo e Santiago.

Outra mellora que contempla esta medida é a implantación doutro novo servizo entre A Coruña e Vigo Urzáiz ás 20:00 horas para ampliar as opcións de mobilidade na franxa de serán e facilitar os desprazamentos de regreso.

Axustes horarios

Para completar a optimización da oferta no Eixo Atlántico, Renfe axustará o horario de dous servizos. En horario de mañá, o 9113 A Coruña-Vigo Urzáiz adianta a súa saída ás 10:30 horas. Pola tarde, o 9213 A Coruña-Vigo Urzáiz, modifica a súa saída ás 22:05 horas (agora sae ás 21:40 horas).

Esta reorganización permite atender os viaxantes dos Rexionais 12560 e 12561 que conectan A Coruña e Santiago a última hora, polo que deixarán de circular. Ademais, igual que a pasada tempada de inverno, Renfe manterá os reforzos en dobre composición dos servizos 9072 Vigo Urzáiz-A Coruña, 9112 Vigo Urzáiz-A Coruña e 9153 A Coruña-Vigo Urzáiz, que seguirán ofrecendo 564 prazas fronte ás 282 actuais.

Con respecto ao corredor A Coruña-Vigo Guixar, a compañía tamén implantará lixeiros axustes nos horarios dos servizos Rexionais que circulan pola liña convencional.

Servizos AVANT

Por outra banda, Renfe aproveitará a capacidade dispoñible en varios servizos AVE para ofrecer novas prazas Avant, reforzando na conexión Avant Ourense-Santiago-A Coruña, tanto en horario de mañá como de tarde.

Esta medida incorpora tres novas relacións a unha operativa xa existente en determinados trens de Alta Velocidade, incrementando as opcións de viaxe con 5.400 prazas extras semanais ao dispor dos viaxantes recorrentes en percorridos internos galegos.

Os billetes coa nova oferta estarán dispoñibles nas próximas horas para a súa consulta e adquisición nas canles habituais de Renfe: despachos de billetes, máquinas autovenda, App Renfe, no teléfono 912 320 320 e en www.renfe.com.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade