O fondo americano GIP pon á venda a súa participación en Naturgy por 3.000 millóns
As accións representan o 11,4 por cento do capital social da gasista española
O fondo americano Global Infrastructure Partners (GIP), controlado por BlackRock, pon a venda a súa partipación na compañía Naturgy, o que representa aproximadamente o 11,4 por cento do capital da gasista.
Segundo unha comunicación remitida á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), JP Morgan e Goldman Sachs iniciaron este luns unha colocación acelerada de ata 110,75 millóns de accións de Naturgy, paquete que representa o 100% da participación que o fondo GIP III Canary 1 (BlackRock) mantén na compañía.
A prezos de mercado, o paquete de accións á venda estaría valorado nuns 2.957 millóns de euros. Os títulos de Naturgy pecharon a sesión do luns en Bolsa a un prezo de 26,70 euros, tras subir un 1,37%.
Os dous bancos de investimento, JP Morgan e Goldman Sachs, foron designados por GIP como entidades colocadoras para "empregar esforzos razoables" co fin de buscar compradores entre investidores cualificados mediante unha oferta acelerada deses títulos de Naturgy.
Operación só para investidores profesionais
A operación, que se articulará como unha venda secundaria en bloque, está dirixida exclusivamente a investidores profesionais, sen que supoña en unha oferta pública de valores.
A colocación acelerada de accións, que comezará de forma inmediata, executarase conforme ao contrato de colocación subscrito entre o vendedor e os bancos colocadores, que recolle as condicións habituais neste tipo de operacións.
Unha vez completado o proceso, JP Morgan e Goldman Sachs anunciarán os termos definitivos, incluído o prezo de venda das accións, mediante unha nova comunicación ao mercado.
Cando remate a operación, o fondo americano GIP abandonará o accionariado de Naturgy, que está encabezado por CriteriaCaixa co 26% do capital, seguido do fondo australiano IFM (15,2%), CVC (13,8%), Alba Europe (5%) e Sonatrach (4,1% do capital).