Sanxenxo prepárase para un aluvión de turistas aproveitando a calor
Moitos hoteis colgaron o cartel de completo
O verán chega adiantado. Vaise notar en toda Galicia, especialmente nas zonas máis turísticas. Esta fin de semana en Sanxenxo moitos hoteis van estar coma en agosto.
"Está claro que ao haber bo tempo sempre reactiva as reservas de última hora. Hai moitos establecementos que para esta fin de semana van colgar o cartel de completo", explica Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
Este inicio precipitado da temporada estival que sempre se marca no calendario arredor do 15 de xuño colle algúns hostaleiros co pé cambiado
"Uns, por obras; outros, por reformas ou porque se lles complicou un pouco a cousa aínda non abriron ou están en proceso de abrir", engade.
Abren tamén a persiana antes de tempo as vivendas de uso turístico ante o aumento da demanda.
"Estas fins de semana que vén moita calor píllannos un pouco de sorpresa e temos que poñernos a preparar todos os pisos que están do inverno pechados. Tanto a limpeza e, sobre todo, terrazas, temos os mobles gardados e logo hai que montar as terrazas. Despois pequenas reparacións como retoques de persianas, luces, algún pequeno electrodoméstico que pode fallar, temos que ter unha previsión de mantenemento e limpeza para a chegada dos hóspedes", apunta María Fernández, xerente de Asemara Xestión e Promoción Turística.
Engraxada toda a maquinaria, Sanxenxo está xa preparado para recibir os turistas.