Publicador de contidos

Publicador de contidos

A bolsa dispárase un 2,59% ata máximos históricos ante o posible acordo de paz en Irán

A bolsa dispárase un 2,59% ata máximos históricos ante o posible acordo de paz en Irán

A saída ao mercado de renda variable de SpaceX, compañía fundada en 2002 por Elon Musk, é outro dos factores que impulsaron a suba

O resto de parqués europeos tamén mostraron un grande optimismo ante o posible acordo anunciado polo presidente dos Estados Unidos

EFE/ Vega Alonso EFE/ Vega Alonso
G24.gal 12/06/2026 19:17

A bolsa española pechou este venres nun novo máximo histórico, 18.764,4 puntos, grazas a unha subida do 2,59% impulsada polo posible acordo de paz anunciado polos Estados Unidos en Irán e a saída ao mercado de renda variable de SpaceX, compañía fundada en 2002 por Elon Musk.

O principal selectivo español, o IBEX 35, avanzou un 2,59% ata fixar ese máximo ao peche en 18.764,4 puntos, despois de sumar 474,3 enteiros durante a sesión. No cómputo semanal, o IBEX 35 pecha cunha mellora do 2,29%, o que eleva a revalorización acumulada no que vai de ano ata o 8,42%.

A xornada comezou con máximos intradía que avanzaron ata quedar ás portas dos 18.800 puntos, concretamente 18.796,3 enteiros. Tras tocar ese teito, o índice comezou a moderar as súas ganancias. Dos 35 valores que compoñen o selectivo, Acciona Enerxía (13,07%) liderou as ganancias. No lado oposto da táboa de cotizacións, só tres foron as compañías en pechar con perdas. Repsol foi a que máis caeu, un 4,9%, aínda que chegou a facelo máis do 6%.

Do mesmo xeito que a bolsa española, o resto de parqués europeos mostraron un grande optimismo ante o posible acordo anunciado polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, que, segundo medios oficiais de Irán, incluiría a reapertura do estreito de Ormuz e un período de 60 días de negociacións sobre a cuestión nuclear.

A Bolsa de Milán subiu por encima dos 51.000 puntos. Pola súa banda, París subiu un 1,83%; Frankfurt, un 1,76%; e Londres, un 1,63%.

Alén do Atlántico, os índices de Wall Street esperaban o peche do mercado europeo a saída do SpaceX, co Dow Jones subindo un 1,02%; o Nasdaq, un 0,69%; e o S&P500, un 0,67%.

Tras a súa saída, ás 17:46 hora galega (15.46 GMT), os títulos da compañía do magnate Elon Musk subían un 11,11%. O analista de XTB Manuel Pintos sinala que esta saída "nunha das operacións máis relevantes da historia recente de Wall Street, reflectindo o enorme apetito dos investidores por compañías vinculadas á exploración espacial, a intelixencia artificial e as infraestruturas tecnolóxicas do futuro".

As novidades no conflito en Oriente Medio fixeron que, continuando coas caídas do cru e gas, o prezo do petróleo baixe con forza este venres. Ao peche das negociacións bolsistas no Vello Continente, o petróleo brent rexistraba un desconto do 3,63% co barril en 87,1 dólares.

No caso do petróleo intermedio de Texas, que serve de referencia nos Estados Unidos, o seu prezo baixaba ata 84,34 dólares, un 3,84% menos que o xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade