O verme soldado ameaza o millo no Barbanza e na Costa da Morte
A eiruga devora as follas das plantas acabadas de nacer
Cómpre vixiar o cultivo e tratalo mentres as larvas son pequenas
Follas furadas e plantas débiles delatan a presenza dun dos peores inimigos do millo neste tempo, o verme soldado. Ninguén o agardaba tan cedo, pero o certo é que chegou e avanza rápido pola Costa da Morte e O Barbanza.
"Os primeiros casos detectáronse en Santa Comba, pero hai máis en Malpica, Muxía, Zas, Val do Dubra, esta zona de Lousame...", explica o enxeñeiro agrícola Jesús Sanjurjo.
Sospeitan que as altas temperaturas adiantaron a chegada destas eirugas ao momento en que máis dano poden facer.
"O millo está aínda débil, acabado de nacer, con pouca folla e a praga avanza a máis velocidade cá pranta", comenta o enxeñeiro.
"Entre isto e o xabaril imos quedar sen nada, xa non hai moita cousa e isto é o remate. Os gandeiros precisan do millo para alimentar os animais", engade unha veciña de Lousame.
Existen tratamentos para combater a praga, pero hai que actuar cando as larvas son pequenas. Por iso é indispensable examinar ben o cultivo e tratar a tempo.
"É preciso vixilar ben e baixar do coche para ver as plantas. Pode parecer a primeira vista que están ben e estar danadas. E se o están é recomendable tratar para o control e tamén polo ben común dos demáis gandeiros", conclúe Jesús Sanjurjo.
Estes famentos soldados son fotofóbicos, polo que se aconsella tratar de noite e humedecendo moito a planta. A idea é frear o seu avance e que o millo recupere o seu vigor de cara ao verán.