Comeza a campaña do ensilado do millo na Terra Chá, condicionada polo tempo seco
Debido á seca do verán, este ano a colleita preséntase máis ben cativa
Na Terra Chá están en plena campaña de recollida do millo. Este ano a colleita preséntase cativa debido ao tempo seco deste verán. As plantas de millo están xa nesta época do ano bastante amarelas e as espigas, aínda que abundantes, son moito máis pequenas que en campañas anteriores.
As recolledoras traballan xa a pleno rendemento nas leiras de millo de Castro de Rei. As expectativas non son moi boas este ano. O tempo seco non beneficiou, especialmente nas sementeiras de ciclos curtos. "Nesta zona metemos ciclos que se fan en 90 ou 95 dias. O que pasa é que este ano eses ciclos fixéronse moitisimo antes porque non houbo humidade e entón a planta está moito máis seca e o tamaño da espiga é moito máis pequeno. Aquí botamos máis de dous meses sen caer unha pinga de auga. É un ano complicado" nos conta Antonio Balado, cultivador e comercializador de millo.
De pouco serven xa as chuvias de comezos deste mes. "A chuvia chega tarde para este millo. Tiña que caer hai mes ou mes e medio. O problema principal é que no momento da floración nin sequera houbo orballo."
Unhas veces por seca e outras por exceso de auga. A última campaña era excepcional, como non se lembraba en máis de vinte anos, pero as intensas chuvias deixaron moitas leiras impracticables e foi necesario recorrer a máquinas equipadas con eirugas. Aínda así quedou moito millo sen recoller e iso foi atrasando todo.
"Ao atrasarse os cultivos de outono tamén nos atrasamos nos de privamera, e en primavera tampoco daba entrado porque estaban as terras moi molladas, e todo se foi prolongando", comenta Antonio.
Curiosamente as leiras que se sementaron máis tarde son as que teñen mellores expectativas porque coincidiu tempo húmido coa súa floración.