Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os xabarís causan danos nas colleitas de millo

Os xabarís causan danos nas colleitas de millo

Sumado á seca, os xabarís estragan colleitas de millo en Mazaricos, Oleiros ou en Ribeira

Polo de agora os danos causados non son graves

No campo do Salnés e Ullán cazadores de Vilagarcía e Portas xa organizaron algunha batida

G24.gal 27/08/2025 13:29

Se xa a seca está afectando este ano á produción de millo agora súmaselle o xabaril. Parece que estes días está causando estragos en Mazaricos, Oleiros, Ribeira e en Vilagarcía e Portas, estes últimos xa organizaron algunha batida de xabaril.

As altas temperaturas e a falta de humidade afectan este ano á produción de millo que se agardaba moi boa. E agora estes días tampouco escapa dos xabarís. 

"E agora o xabaril. Xa lle dixen que lle metera as cadeas ao tractor e que viñera para tirar con todo... Total para que? Ponse un de mal humor para non poder facer nada!", laméntase un veciño afectado da parroquia de Artes, en Ribeira. 

O mesmo sentir para os poucos veciños desta parroquia que seguen a recoller millo. Comezan a darse as primeiras visitas dos xabarís e con elas as primeiras desfeitas. Dinos outra veciña, Juana, do lugar da Devesa que a colleita de millo "témola ao lado da horta e ata a horta nos chega. Se temos a porta da casa aberta non sei se nos entran na casa. Nos tomates da horta xa andaron".

Din que xa levan moitos anos batallando co xabaril, pero por moito que o intentan seguen a causar moito estragos nas colleitas. De feito por isto moitos se desfixeran das súas explotacións gandeiras. Recorda Juana de estar "cortando o millo e chorar porque chegabas á leira e estaba toda, toda, toda desfeita! Pero tiñas que cortar o que deixaran os xabarís para ensilar para as vacas".

Nin os peches electrificados son capaces de frear o avance do xabaril. "Aquí sen pastor xa nada, non bota ninguén! E como sigamos así non imos botar millo nin con pastor, imos deixar de botar" explica outra veciña do lugar do Castro. 

Amais de en Ribeira, parece que tamén os xabarís causaron algúns estragos nas colleitas de millo en varias parroquias de Mazaricos, Oleiros ou no campo do Salnés e Ullán. Neste caso, cazadores de Vilagarcía e Portas xa realizaron algunha batida e Meaño conta con facer unha o sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade