Publicador de contidos

Publicador de contidos

A calor favorece a campaña do pemento do Couto, o que non pica

A calor favorece a campaña do pemento do Couto, o que non pica

As noites cálidas propician unha boa colleita do pemento típico de Ferrolterra

O selo da IXP Pemento do Couto os distingue no mercado

G24.gal 03/07/2026 12:10

Os primeiros pementos do Couto do ano chegaron polas Letras Galegas. E desde entón, cada tres días, apañan unha nova colleita nestes invernadoiros de Fene.

"Este ano vai moi ben a campaña pola calor e as temperaturas que estamos tendo. O pemento pide calor sobre todo polas noites, e este tempo cálido axuda", explica Marta Novoa Fernández, propietaria da Finca da Reinica.

Marta deixou o téxtil para apostar por este cultivo tradicional que se estaba a perder na zona. Un pemento verde que, ao non ter capsaicina, non pica nunca. Pero tamén se pode distinguir dos seus irmáns de Herbón polo tamaño e a forma.

"Ten a punta con forma de morro de vaca e ademais medra na planta cara arriba, non cae cara abaixo coma outros".

Tan só o ataque do pulgón, que combaten con xoaniñas, dificultou a campaña deste ano. Calculan que as plantas seguirán producindo ata outubro e eles, en paralelo, seguirán traballando arreo no proceso de recollida, calibrado, selección e envasado dun producto protexido co selo da IXP Pemento do Couto.

"Tes garantía de que é o verdadeiro, non é calquera pemento doce que fagan por aí. É o do Couto, que so se pode facer aquí cuns controis de calidade e orixe".

O cultivo deste singular pemento concéntrase en 3 produtores de Ferrolterra, e María é a principal poñendo 50.000 bolsas no mercado. Os que se animen a probalos, tomen nota de como fritilos.

"É máis grande e carnoso ca outros, para que quede meloso e tenro hai que darlle moitas voltas a facelo a lume lento. Despois, sal fino e para dentro".

Un tesouro gastronómico que, por certo, será protagonista o vindeiro 19 de xullo, na Festa do Pemento do Couto de Narón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade