Publicador de contidos

Publicador de contidos

Corzáns celebra a colleita e a esfollada do millo tras a festa da sementeira de maio

Corzáns celebra a colleita e a esfollada do millo tras a festa da sementeira de maio

Veciños ataviados con traxe labrego apañan o millo que logo esfollan na eira, un labor tradicional aberto aos visitantes

A asociación cultural Quintadopiñeiro procura que as novas xeracións coñezan os oficios do agro

G24.gal 18/10/2025 21:29 Última actualización 18/10/2025 22:30

Mariluz e Josefa son das poucas mulleres de Corzáns, en Salvaterra de Miño, que aínda acoden á leira para facer a colleita. O millo segue a ser o alimento principal do gando. E tamén fan unha boa bola de pan de broa. 

"Para darlles un mimo aos bois, que temos dous, e ás galiñas e os pitos, comen todos. E ás veces tamén cozo, non é moito, pero tamén fago pan", conta Josefa Rodríguez, veciña de Corzáns, de 77 anos, que aínda sementa e colleita millo nas súas veigas.

Dende cativas manexan o fouce, unha ferramenta que volven poñer en funcionamento cando chega a festa da esfollada.

"De pequenas xa nos tocou isto, por iso non nos esquecemos do fouce. E todos os anos tamén o facemos aquí, participando na festa, a pesar de que, coma Josefa, eu tamén cultivo un campiño", sinala Mariluz Gregores, campesiña e participante na recreación da festa da esfollada.

No outono, coas mazarocas xa cumpridas, toca apañar o millo sementado na primavera. Se festa fixeron en maio coa sementeira, non é menor motivo para celebrar a colleita, en que participan varios veciños adubados co traxe labrego.

O moderno tractor substitúe o carro tirado por animais á hora de carrexar o millo para a eira. Na esfollada non hai límite de idades.

"Xogabamos aos pacotes. Contabamos os grans pintos e o que máis tiña, gañaba, pero se che tocaba a raíña (espiga con todo o gran vermello), entón gañaba a todos", lembra Mariluz.

"Con isto o que pretendemos é lembrar os tempos de antes, volver á tradición, á cultura popular, para que os nosos cativos saiban como eran os labores do campo", comenta Yanira Núñez, tesoureira da asociación cultural Quintadopiñeiro, organizadoras da festa da sementeira e da esfollada, na área recreativa do Muíño da Ponte en Corzáns.

Gardan o millo ata xaneiro, cando farán obradoiros de elaboración de pan, e o resto do gran resérvano para sementar de novo. O ciclo agrícola ben merece un baile para non esquecer de onde vén o noso sustento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade