Analizan os bancos marisqueiros tras os temporais
Biólogos da Xunta de Galicia e das confrarías están a tomar mostras para comprobar o estado dos bancos marisqueiros
A chuvia caída este ano afectou o crecemento de ameixas e berberechos, causando a mortaldade en moitos casos
Os resultados destas análises determinarán as medidas que se tomen nas próximas semanas
Ao pé da ponte da illa da Toxa está o banco marisqueiro máis importante da confraría do Grove. Alí as primeiras impresións das mostraxes non son boas.
Mari Besada, patroa maior do Grove, explica que "nos outros capítulos morreu a ameixa fina, pero a zaponesa aguantou. Agora, nas mostras aparece morto todo".
Algo semellante sucede en Cesantes, Redondela. María Elisa Crespo López, mariscadora, participa na recollida de mostras: "Fixemos probas nuns viveiros que tiñamos e non aparece nada. En mar aberto, nada. Está tofo perdido".
Levan dende comezos de ano sen mariscar, como relata Nisi Otero Amoedo, patroa maior de Redondela: "Se pinta como prevemos, haberá moita xente que non aguante".
A chuvia afecta considerablemente aos bivalvos. "As ameixas e os berberechos teñen uns parámetros de salindidade e temperatura específicos, se llos cambias un pouco non pasa nada, pero se é tan intenso coma nestes dous meses (de chuvia) todo o día, si que se nota", explica Beatriz Crespo Viruleg, bióloga da asistencia técnica da confraría de Redondela.
Para poder actuar é fundamental contar coa información científica que aportarán as mostraxes que están coordinar a Consellería do Mar. Marta Villaverde destacou que o obxectivo é "ver se un é un banco no que se pode seguir traballando ou non e hai que pechalo e pechar a actividade nel". A conselleira explicou que, en función da situación do banco e do número de persoas que vivan del, determinaranse as medidas e axudas necesarias.