Os Estados Unidos atacan unha segunda embarcación con tres supostos narcotraficantes venezolanos
O presidente estadounidense asegura que transportaba cocaína e fentanilo
Trump asegura que "once terroristas" foron eliminados no ataque a unha narcolancha venezolana
Os Estados Unidos derrubaron unha segunda lancha no mar Caribe que transportaba presuntamente a tres narcotraficantes venezolanos, anunciou o presidente estadounidense, Donald Trump.
"Esta mañá, baixo as miñas ordes, as Forzas Militares dos Estados Unidos levaron a cabo un segundo ataque cinético contra cárteles do narcotráfico e narcoterroristas identificados e extraordinariamente violentos, na área de responsabilidade do Comando Sur", detallou o mandatario na plataforma Truth Social.
O presidente estadounidense asegurou que ten "probas" de que a segunda suposta narcolancha atacada polos Estados Unidos en augas internacionais procedente de Venezuela transportaba "grandes bolsas de cocaína e fentanilo".
"Temos probas. Basta mirar o cargamento esparexido polo océano. Grandes bolsas con cocaína e fentanilo".
Trump asegurou que a embarcación se atopaba en augas internacionais e que, durante o ataque, morreron tres homes de nacionalidade venezolana, a quen definiu como "terroristas".
O mandatario agregou que ningún membro das Forzas Armadas estadounidense resultou ferido na operación.
"Atención! Se transporta drogas que poden matar estadounidenses, imos cazalo!, concluíu.
O presidente Maduro apunta se trata dunha agresión: "É unha agresión en camino de caracter militar e Venezuela está facultada polas leis internacionais para facerlle fronte".
Os expertos en relacións internacionais sinalan que hai presións máis alá do narcotráfico. Así o explica José Manuel Estévez-Saá:
"Está a tratar de forzar mesmo unha negociación política, incluído un posible cambio de réxime presionando psicolóxicamente a Nicolás Maduro, forzando unha ruptura interna do chavismo ante unha hipotética irrupción táctica de estados Unidos en Venezuela".
Para este experto, a loita contra o narcotráfico nos Estados Unidos tamén pode beneficiar á Unión Europea polas conexións dos cárteles de drogas.
Este é o segundo ataque a unha embarcación venezolana coa escusa de que a bordo transportaba drogas. O anterior, comunicado tamén polo presidente norteamericano, produciuse o pasado 3 de setembro. Nese ataque 11 persoas foron asasinadas.
O atentado desatou unha crise entre os Estados Unidos e Venezuela. Daquela o presidente Maduro advertiu que o seu país afrontaba a que considera a máis grande ameaza que se viu en América nos últimos cen anos e asegurou que a súa nación se declararía en armas se fose agredida.
A Administración de Trump acusa a Maduro de liderar o denominado Cartel dos Soles, algo que nega o Goberno de Caracas, e ofreceu unha recompensa de 50 millóns de dólares por información que conduza á captura do mandatario venezolano.
Maduro afirmou que as comunicacións cos Estados Unidos están "desfeitas" ante o que considera unha "agresión" do país norteamericano, e agregou que Venezuela está agora "máis preparada" se tocase unha "loita armada".