Publicador de contidos

Publicador de contidos

Venezuela acusa os EUA de abordar un pequeiro nas súas augas cun buque de guerra

Venezuela acusa os EUA de abordar un pequeiro nas súas augas cun buque de guerra

Caracas avanza no adestramento das súas milicias e das Forzas Armadas para "pasar á loita armada" cando sexa necesario

Imaxe do pesqueiro supostamente interceptado. FOTO: Ministeiro de Comunicación de Venezuela vía REUTERS Imaxe do pesqueiro supostamente interceptado. FOTO: Ministeiro de Comunicación de Venezuela vía REUTERS
G24.gal 14/09/2025 09:01 Última actualización 14/09/2025 09:43

O Goberno venezolano acusa os Estados Unidos de "asaltar" este venres cun buque de guerra un pesqueiro para xustificar "unha escalada bélica" no Caribe. Mentres, Caracas avanza no adestramento das súas milicias e Forzas Armadas ante estas "ameazas".

Nunha comparecencia transmitida pola canle estatal de televisión (VTV), o ministro de Relacións Exteriores, Yván Gil, asegurou que un "destrutor" americano "despregou 18 efectivos con armas longas" e ocupou a embarcación, onde ían "nove humildes pescadores" que se atopaban na "zona económica exclusiva venezolana".

Os mariñeiros foron liberados tras "oito horas" nas que se lles impediu a comunicación –afirmou a chancelería–, que difundiu igualmente un comunicado de tres páxinas no que esgrimiu a súa denuncia.

Os EUA manteñen despregados, preto das costas venezolanas, oito barcos militares con mísiles e un submarino de propulsión nuclear baixo o argumento de combater o narcotráfico, pero o executivo de Nicolás Maduro considérao un intento de propiciar un "cambio de réxime" no país.

Un chamado á "defensa implacable"

A denuncia coincidiu cunha xornada de preparación de milicianos e militares en 312 cuarteis e unidades militares convocada para este sábado polo presidente de Venezuela, Nicolás Maduro.

O ministro do Interior, Diosdado Cabello, que encabezou algúns dos exercicios, chamou á "defensa implacable", así como á "resistencia activa prolongada" de Venezuela.

Instou a poboación a "estar preparada" e "cumprir coa tarefa fundamental" de coidar o país. Neste sentido expresou que "vale todo, menos facer o pendejo" e advertiu que "o que se meta con Venezuela" vaino pagar "moi caro".

Adestramento das Forzas Armadas bolivarianas. REUTERS/Juan Carlos Hernández Adestramento das Forzas Armadas bolivarianas. REUTERS/Juan Carlos Hernández

Un "brutal exercicio" psicolóxico

Durante o adestramento tamén se pronunciou o ministro de Defensa, Vladimir Padrino López, quen acusou a Washington dun "brutal exercicio" psicolóxico contra Venezuela e manifestou, en nome das Forzas Armadas e o pobo, a súa disposición de "dar a vida" pola defensa do país.

Tamén advertiu que se os Estados Unidos deciden agredir Venezuela, "todo o potencial" do país suramericano "vaise converter en poder nacional".

Da "loita non armada á loita armada"

Os exercicios deste sábado están enmarcados no Plan Independencia 200, anunciado esta semana por Maduro para garantir "a independencia e a paz" do país.

O líder chavista dixo que Venezuela se atopa nunha fase de loita non armada, pero prepárase para unha "loita armada" se fose agredida polo Goberno de Donald Trump.

Os EUA acusan a Maduro de liderar o denominado Cartel dos Soles, sinalado por Washington como unha organización terrorista presuntamente ligada ao narcotráfico. 

Isto provocou a mobilización militar no Caribe e o aumento a 50 millóns de dólares da recompensa por información que permita a captura do líder chavista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade