Morre o exvicepresidente dos Estados Unidos, Dick Cheney
Faleceu aos 84 anos de idade por complicacións dunha pneumonía e problemas cardiovasculares
REUTERS/Joshua Roberts/Arquivo
Dick Cheney, exvicepresidente dos Estados Unidos durante a presidencia de George W. Bush entre 2001 e 2009, faleceu onte 3 de novembro aos 84 anos de idade.
Segundo un comunicado emitido pola súa familia, morreu rodeado da súa esposa e das súas fillas por complicacións dunha pneumonía e problemas cardiovasculares.
Cheney, considerado un dos arquitectos da chamada "guerra contra o terrorismo", foi clave na guerra dos Estados Unidos contra Iraq.
Durante décadas, Dick Cheney serviu á nosa nación como xefe de gabinete da Casa Branca, congresista por Wyoming, secretario de Defensa e vicepresidente dos EUA", recolle a nota difundida pola súa familia.
O vicepresidente máis poderoso dos EUA
Nado en Nebraska, iniciou a súa carreira política no 1969. Traballou con Nixon, Ford e con Bush pai e fillo. Foi xefe de gabinete, congresista e secretario de Defensa e accedeu á vicepresidencia dos EUA no ano 2001.
Foi na súa época como secretario de Defensa cando dirixiu a intervención militar estadounidense no Golfo Pérsico en 1991 e, xa como vicepresidente con Bush fillo foi un dos principais artífices da “guerra contra o terrorismo” tras os atentados do 11 de setembro de 2001.
Figura dominante na política de Washington e representante da política de “falcóns” republicanos, co paso dos anos, foise distanciando do partido, sobre todo polas súas críticas ao presidente Donald Trump, a quen cualificou de “covarde” e “a maior ameaza que coñeceu a república”.
No comunicado, a familia descríbeo como "un home bo que ensinou aos seus fillos e netos a amar ao seu país e a vivir as súas vidas con coraxe, honra, amor e amabilidade".