Trump nega estar a valorar un ataque contra instalacións militares en Venezuela
O presidente dos Estados Unidos desmente as informacións que apuntaban a unha ofensiva inminente
A ONU acusa Washington de violar o dereito internacional polos ataques a supostas narcolanchas
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, negou este venres estar a considerar un ataque contra Venezuela, despois de que os xornais Miami Herald e The Wall Street Journal informasen de que a súa Administración preparaba accións militares contra instalacións do país suramericano.
Preguntado a bordo do Air Force One sobre esas publicacións, baseadas en fontes próximas á Casa Branca, Trump limitouse a responder: “Non, non é verdade”. O mandatario evitou dar máis explicacións e repetiu a mesma resposta cando se lle insistiu sobre unha posible decisión militar contra Venezuela.
A ONU acusa os Estados Unidos de execucións extraxudiciais
Segundo o Miami Herald, os ataques poderían producirse “en cuestión de días ou incluso horas”, mentres que The Wall Street Journal precisaba que a decisión aínda non estaba tomada. Unha eventual ofensiva suporía un aumento das tensións co Goberno de Nicolás Maduro, tras a recente despregadura militar estadounidense no Caribe e os ataques a embarcacións acusadas de transportar drogas cara os Estados Unidos.
O Exército estadounidense lanzou polo menos quince ataques letais contra supostas narcolanchas, que causaron 61 mortos, segundo datos oficiais. A ONU denunciou que esas operacións “violan o dereito internacional” e cualificounas de “execucións extraxudiciais”.
O alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Türk, instou Washington a deter estas accións. “Estes ataques e o seu crecente custo humano son inaceptables. Estados Unidos debe poñerlles fin”, afirmou.
Está previsto que nos próximos días chegue ao Caribe o portaavións USS Gerald Ford, o máis moderno e importante da flota estadounidense, que se unirá ás unidades navais xa despregadas fronte a Venezuela.